CRTVG Viva
A CRTVG leva catro producións ao Festival de Cine de Málaga, con ‘Matria’ e ‘Sica’ competindo na Sección Oficial
Fóra de concurso, estarán presentes ‘Amigos hasta la muerte’ e ‘Honeymoon’
En conxunto, as cadeas de FORTA achegarán ao evento cinematográfico 49 creacións audiovisuais

Santiago, 16.03.2023.- A CRTVG estará presente con catro producións na vixésimo sexta edición do Festival de Málaga, un dos encontros máis importantes da industria cinematográfica española, que se celebra do 10 ao 19 na capital da Costa do Sol. Competirán na Sección Oficial ‘Matria’ e ‘Sica’, mentres na Selección Oficial fóra de Concurso estarán presentes ‘Amigos hasta la muerte’ e 'Honeymoon'.
En conxunto, os Organismos ou Entidades Autonómicas de Radio e Televisión (FORTA) presentaron 49 proxectos na vixésimo sexta edición do evento cinematográfico, en que as administracións autonómicas participan apoiando o sector audiovisual e como promotores da cultura e producións españolas.
Carmen Amores, presidenta de FORTA, apuntou que “a elevada presenza das producións autonómicas nesta nova edición do Festival de Cine de Málaga amosa a firme aposta dos organismos públicos de radio e televisión pola promoción do audiovisual no noso país”. “Somos garantes da diversidade e prescritores culturais grazas ao noso contido nacional”, engadiu.
En canto á presenza dos Organismos, Canal Sur conta cunha gran representación, con 15 producións - catro películas e once documentais-. Preséntase na Sección Oficial ao Certame ‘Tregua’ e, na Sección Oficial fóra de Competición, ‘Como Dios Manda’. A sección Málaga Premiere Sección Oficial fóra de Concurso contará coa proxección de ‘Devoción’ e, en Pases Especiais, estará ‘La Fortaleza’. Os documentais, distribuídos en diferentes categorías, son ‘En busca de la Singla’, ‘Buscando a Lehmberg’, ‘Feudo’, ‘Hotel Torremolinos’, ‘Iberia, naturaleza infinita’, ‘Solteronas’, ‘La importancia de llamarse Ernesto y la gilipollez de llamarse Eric’, ‘Un día Lobo López’ e ‘TransUniversal’.
TV3 contará con doce filmes participantes. Dentro da lista de longametraxes da Sección Oficial a concurso atópanse ‘20.000 especies de abejas’, ‘Los encantados’, ‘Las buenas compañías’, ‘Sica’, ‘Unicornos’ e ‘Upon Entry’. En Málaga Premiere Sección Oficial Fóra de Concurso, nunha proxección especial de Cine Cociña está ‘Esperando a Dalí’ e, na sección de cine infantil proxectarase ‘Hanna y los monstruos’. Ademais, ‘El vientre del mar’ formará parte da homenaxe a Agustí Villaronga. No que respecta aos documentais, figuran ‘Alteridades’, ‘Ahora la luz cae vertical’ e ‘La singla’, e, en proxeccións especiais, poderase ver ‘Unzué. El último equipo de Juancar’.
Telemadrid estará presente na Sección Oficial a través da longametraxe ‘Empieza el baile’; na Sección Homenaxe A, con ‘Las paredes hablan’, e, na Sección Afirmación dos Dereitos da Muller, a través de "Mujeres sin censura".
À Punt fará o propio con catro producións. Entre elas, na Selección a longametraxe ‘Unicorns’, de Àlex Lora, e o documental ‘Yo tenía una vida’, de Octavio Guerra. Tamén se proxectará ‘Kepler sexto B’, de Alejandro Suárez Lozano.
EITB achegará ao festival tres títulos na Sección Oficial de Competición: ‘Una vida no tan simple’, dirixida por Félix Viscarret; ‘Las Buenas compañías’, dirigida por Silvia Munt, e ‘20.000 especies de abejas’, de Esibaliz Urresola.
Por parte de RTVC, a televisión canaria participa en ‘Yo tenía una vida’, de Octavio Guerra, e ‘Matar cangrejos’. En canto ás producións de Castilla-La Mancha Media (CMM), participan a película ‘La desconocida’, rodada en Albacete, e que foi seleccionada na Sección Oficial, e o documental ‘Solteronas’.
Aragón TV presenta tres obras audiovisuais. A curtametraxe ‘El padre bueno’, que concorre á Biznaga á Mellor Curtametraxe da Sección Oficial, e os documentais ‘El olvido del mar’, de Mirella R. Abrisqueta, e ‘Florian Rey. De luz e sombra’, de Vicky Calavia.
Por último, IB3 colabora co festival de cine de Málaga a través da longametraxe ‘El ventre del mar’, de Villaronga.