CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG entra no prestixioso grupo de televisións do Celtic Media, do que tamén forman parte a BBC e a irlandesa RTE

11/09/2018

A inclusión da CRTVG vén apoiada pola posta en marcha de varios proxectos audiovisuais como a serie musical 'Port' e o documental 'The Camino Voyage'

Este mesmo ano, a TVG obtivo en Gales o premio á Innovación do Celtic Media Festival, un dos máis prestixiosos no mundo da comunicación, co proxecto 'Destino Santiago'

A CRTVG entra no prestixioso grupo de televisións do Celtic Media, do que tamén forman parte a BBC e a irlandesa RTE

Santiago, 11.09.2018.-   A CRTVG acaba de entrar como membro de pleno dereito na xunta directiva da agrupación Celtic Media, composta por destacados operadores internacionais como a BBC e a irlandesa RTE. Este grupo de medios promove as culturas e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, e ten a súa principal expresión no seu festival anual que o próximo ano se celebra en Escocia.

Agora que vai facer catro décadas, o grupo Celtic Media amplia o círculo dos países con linguas gaélicas convidando unha televisión como a Galega en base á potencia da canle e ás estreitas afinidades e lazos que nos identifican cos pobos celtas.

Esta entrada no grupo vén apoiada pola posta en marcha de varios proxectos audiovisuais actualmente en curso, como a participación da Televisión de Galicia na serie musical 'Port', que levará os artistas galegos Anxo Lorenzo, Begoña Riobó, Xabier Díaz, Susana Seivane, Xosé Liz de Cea e Uxía Senlle polas pantallas de Irlanda ou Escocia despois de seren gravadas en Galicia as súas actuacións para o programa.

'Port' é o primeiro programa das televisións de todo o ámbito intercéltico. Trátase dunha viaxe musical que se emitiu durante tres temporadas en Escocia e Irlanda e que nesta cuarta edición, froito da colaboración entre as diversas televisións rexionais europeas, dá o salto a Bretaña, Asturias e Galicia a través da TVG.

Neste mesmo marco tamén está a ser producido o documental 'The Camino Voyage', que conta a experiencia real dun grupo de artistas irlandeses que chegou a Galicia a remo nunha embarcación prehistórica, a cal transportou aos pés do Apóstolo en Compostela, e a próxima emisión das espectaculares 'Gran Parada' e a 'Noite Intercéltica' do Festival de Lorient, celebrado o mes pasado.

Deste xeito, a TVG pasa a formar parte da directiva do Celtic Media xunto coas televisións rexionais da BBC en Escocia, Gales, Cornualles e Irlanda do Norte, así como as irlandesas RTÉ e TG4, a escocesa MG Alba e o instituto norirlandés de promoción audiovisual Northern Ireland Screen. O director da Área de Contidos da TVG, Fernando R. Ojea, será o representante en Galicia do Celtic Media. Ojea ostenta tamén o cargo de secretario xeral de Circom.

Este mesmo ano, a Televisión de Galicia obtivo en Gales o premio á Innovación do Celtic Media Festival, un dos máis prestixiosos no mundo da comunicación, co proxecto 'Destino Santiago', superando, entre outras, tres candidaturas da BBC. O programa supuxo a primeira grande experiencia en España da chamada slow TV, e que na súa versión galega recibe o nome de televisión amodiño.