CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG emite sete debates electorais de cara ás eleccións municipais do 28 de maio

13/05/2023

Cada debate emitirase en directo ás 10:00 h. en TVG, Radio Galega e na web

Os debates comezan este luns cos cabezas de lista das candidaturas de Vigo

 

A CRTVG emite sete debates electorais de cara ás eleccións municipais do 28 de maio

Santiago, 13.05.2023.-     A Corporación Radio e Televisión de Galicia fará un intenso despregamento para ofrecerlle á cidadanía toda a información das diferentes opcións políticas que concorren ás eleccións municipais do 28 de maio en Galicia. Á marxe dos espazos electorais nos diferentes informativos, a CRTVG emitirá sete debates, un por cada unha das grandes cidades de Galicia, desde este luns 15 de maio, ás 10:00 horas.

Os debates, de 45 minutos de duración, emitiranse por primeira vez desde o estudio multimedia, o que permite a súa transmisión simultánea en máxima calidade de imaxe e son para a TVG, Radio Galega e o portal web. Tamén serán re-emitidos cada día na G2, ás 22:45 h. e quedarán accesibles no portal G24.gal.

Ademais, nesta campaña electoral, os medios públicos realizarán 30 entrevistas individuais a cada un dos candidatos das 7 principais cidades de Galicia. E a isto hai que sumar o despregue informativo do propio domingo 28 de maio cun programa especial, con conexións coas sedes e os principais centros de votación.

Os cabeza de lista nos medios públicos galegos

Sobre a participación dos candidatos nos debates, o Plan de Cobertura da CRTVG explicita: "A participación restrinxirase exclusivamente aos cabezas de lista de cada formación política". Este punto non foi obxecto de recurso ante a Xunta Electoral por parte de ningunha formación política, xa que logo, é o criterio legal de representación coñecido e acordado por todos os partidos para que a cidadanía de Galicia poida escoitar os máximos representantes de cada circunscripción nos medios públicos galegos.