CRTVG Viva
A CRTVG e a Zona Franca de Vigo colaborarán en materia de emprendemento e innovación
O ente público galego e o Consorcio asinaron un convenio destinado a favorecer o achegamento entre emprendedores audiovisuais e a Compañía.
Sánchez Izquierdo sinalou que o obxectivo deste acordo é “encaixar a TVG e a Radio Galega nos novos escenarios de competencia e de resposta social que temos que dar nos vindeiros anos”.

Santiago, 23.05.2014.- O ente público galego e o Consorcio da Zona Franca colaborarán en materia de emprendemento e innovación. Así o estableceu este mediodía a delegada do Estado no Consorcio, Teresa Pedrosa, e o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, coa sinatura dun convenio de colaboración, no Centro de Negocios do Porto do Molle (Nigrán).
Mediante este acordo, as dúas organizacións ofrecen a posibilidade de que emprendedores acollidos aos programas de fomento da Zona Franca se acheguen á contorna audiovisual e ao mesmo tempo trasladen á CRTVG propostas no ámbito dixital. Ambas as dúas institucións estudarán ademais proxectos conxuntos relacionados coas industrias creativas e do coñecemento, e coa formación no campo audiovisual.
O obxectivo deste convenio, segundo sinalou Sánchez Izquierdo, é “encaixar a TVG e a Radio Galega nos novos escenarios de competencia e de resposta social que temos que dar nos vindeiros anos. Poucas contornas son mellores que a Zona Franca de Vigo para poder facer ese traballo”.
Teresa Pedrosa lembrou o papel de acollida e aceleración de proxectos emprendedores que está a desenvolver a Zona Franca desde o seu centro de negocios de Porto do Molle, e que está actualmente abrindo a súa segunda convocatoria. Así mesmo significou o valor que pode achegar a colaboración da CRTVG para iniciativas relacionadas co mundo audiovisual e pola proxección social dos medios públicos galegos.
Durante a sesión, a CRTVG expuxo a un grupo de emprendedores acollidos na Zona Franca a súa estratexia no ámbito dixital e estes expuxeron ao ente público galego os seus proxectos innovadores.
Na foto superior, Teresa Pedrosa e Sánchez Izquierdo tras a sinatura do convenio de colaboración entre as dúas organizacións.