CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG desenvolve unha campaña sobre a seguridade na rede co gallo do Día de Internet Segura, o 6 de febreiro

05/02/2018

Co cancelo #AInternetSegura, os medios públicos galegos emitirán un vídeo, entrevistas e reportaxes en distintos espazos informativos sobre o uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, especialmente entre os máis novos

Habilitouse un espazo na web con información e ligazóns de interese en www.crtvg.gal/RSC

A CRTVG desenvolve unha campaña sobre a seguridade na rede co gallo do Día de Internet Segura, o 6 de febreiro

Santiago, 05.02.2018.- Sensibilizar sobre a seguridade en Internet e promover boas prácticas no eido dixital son os obxectivos da campaña que a CRTVG pon en marcha esta semana, arredor da celebración Día de Internet Segura, o martes 6 de febreiro.

A CRTVG emitirá un vídeo de produción propia, durante toda a semana, e incluirá nos seus principais informativos e programas de televisión, na radio e nas redes sociais, entrevistas, informacións e consellos de expertos e profesionais neste campo. Entre outros, o martes visitará A Revista Santiago Rey, presidente da Asociación Atlantics, e o xoves unha portavoz de UNICEF presentará no mesmo programa o estudo 'Os nenos e as nenas da brecha dixital'. Na Radio Galega, o espazo Panorámica (domingo, 23 h.) incluirá a reportaxe 'Menores galegos ante as redes sociais', que emitirá tamén o 'Galicia por Diante' ao longo da semana. 'Aquí Galicia' abordará o tema dos problemas de seguridade na rede, e  'A Tarde' tratará a cuestión da ciberseguridade.

A campaña difundirase co cancelo #AInternetSegura e inclúe un vídeo e un espazo na web con información e ligazóns de interese: www.crtvg.gal/RSC.

É responsabilidade de toda a sociedade facer de Internet un espazo seguro en que os cativos poidan interactuar, aprender e socializar sen correr riscos innecesarios. Os máis novos, nativos dixitais, manéxanse na rede e afrontan en ocasións situacións de perigo que se poden evitar tomando certas prevencións en canto a privacidade ou protección dos dispositivos.

Con esta campaña, e no marco das súas accións de Responsabilidade Social Corporativa, a Corporación de Radio e Televisión de Galicia quere contribuír a que a sociedade galega aproveite o mellor de Internet e evitar riscos por descoñecemento ou exceso de confianza. O Día de Internet Segura celébrase internacionalmente a distintos niveis institucionais e sociais co apoio da Comisión Europea. Esta celebración naceu en 2004 a proposta da UE e se celebra actualmente en máis de 100 países de todo o mundo.

Esta é a primeira dunha serie de accións que os medios públicos galegos desenvolverán ao longo do ano 2018 en fomento de iniciativas de desenvolvemento social en diferentes eidos. A CRTVG, que é socia do Pacto Mundial das Nacións Unidas desde 2011, quere apoiar tamén a Educación, un dos Obxectivos Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas, contribuindo a visibilización de proxectos que xeren valor social ou que contribúan á solución dos grandes retos sociais, no mundo, e especialmente en Galicia.