CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Vive a bici', a nova campaña de RSC da CRTVG arredor do Día Mundial da Bicicleta

13/04/2018

Xirará arredor a tres elos: a seguridade, a saúde e o negocio ambientalmente sustentable

Baixo o cancelo #ViveABici, contará con catro anuncios, unha web dedicada a recoller as recomendacións dos principais organismos nacionais e internacionais

'Vive a bici', a nova campaña de RSC da CRTVG arredor do Día Mundial da Bicicleta

Santiago, 13.04.2018.- A CRTVG pon o foco arredor do Día Mundial da Bicicleta para desenvolver a súa segunda campaña anual de Responsabilidade Social Corporativa. A acción de comunicación está  concibida como 360º e implica todos os medios da Corporación. A campaña, que durará do luns 16 ata o domingo 22, leva por título 'Vive a bici' e xira arredor de 3 elos fundamentais: a seguridade viaria, a saúde e as propostas de ocio e de negocio sustentable ambientalmente que xorden arredor das bicicletas e o ciclismo.

Durante toda a semana, os medios da CRTVG incluirán historias e entrevistas con especialistas, deportistas e afeccionados á bicicleta para sensibilizar sobre o seu uso como medio de transporte saudable, como ferramenta para o ocio, e incluso como xerador de novos negocios, moitos deles ben curiosos.

Baixo o cancelo #ViveABici, as redes sociais da CRTVG serán tamén un elemento chave e que contará nesta ocasión con contidos propios e exclusivos, e onde se farán sorteos de material en colaboración da Federación Galega de Ciclismo. 

Na Radio Galega, os informativos faranse eco da iniciativa ao longo da semana.  Así mesmo, programas como 'Galicia por Diante', 'A Tarde', que no seu espazo de tráfico semanal, o venres, falará de seguridade viaria. Ou 'Aquí Galicia', que abordará o tema da bicicleta e medio natural. #ViveABici estará presente tamén no espazo 'Convivir', que incluirá varios exemplos de superación relacionados co uso da bicicleta; e a seguinte fin de semana, 'Somos Quen' amosará distintas experiencias sobre ciclismo e vida sa. Por último, o espazo 'Panorámica' do domingo 22 abordará o emprego da bicicleta nas cidades galegas, e por suposto nos deportes, no 'Galicia en Goles'.

A campaña #ViveABici inclúe 4 anuncios realizados coa técnica de 'Pixel Art' e un espazo na web con información e ligazóns de interese: www.crtvg.gal/RSC.  

Esta é a segunda campaña desenvolvida pola CRTVG no marco das súas accións de Responsabilidade Social Corporativa, despois da levada a cabo en febreiro sobre os cativos e seguridade nas redes, #AinternetSegura.

Con estas accións, a CRTVG segue a súa política de RSC con producións propias e inspiradas no mandato dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) de Nacións Unidas, organización da que a CRTVG é socia a través do Pacto Mundial da ONU desde 2011.