CRTVG Viva
A CRTVG consegue 13 candidaturas aos Premios Celtic Media Festival, a cifra máis alta acadada ata agora
O #DígochoEu obtén dobre nomeamento, no apartado de formato curto e tamén na categoría de Espírito do Festival
Pola TVG optan a galardóns os espazos ‘Os Castelos’, ‘O tren que me leva’, ‘Náufragos’, ‘Tanxuverbena’ e ‘Meniños cantores’, ademais das películas ‘Código Emperador’, ‘O corpo aberto’ e ‘Os demos de barro'

Santiago, 16.03.2023.- Un total de 13 producións dos medios públicos galegos son finalistas aos Premios Celtic Media Festival 2023, que se fixeron públicos este xoves, a cifra máis alta acadada ata agora pola CRTVG. Neste certame compiten televisións como a británica BBC, as irlandesas RTE e TG4, a galesa S4C, a escocesa MG Alba e a bretoa FR3. Entre as propostas da CRTVG, cómpre salientar as dúas candidaturas do popular espazo de fomento do uso do galego da CRTVG #DígochoEu, que presenta Esther Estévez. Ademais de competir no apartado de formato curto, foi elixido por parte do xurado para participar na categoría Espírito do Festival.
Nesta edición foron seleccionados os espazos da TVG ‘Os Castelos’, unha serie documental que percorre cinco séculos cruciais da historia de Galicia, os que van do ano 1000 ao 1500, e coa que os espectadores poden entrar nos castelos galegos medievais, que foi seleccionada no apartado de Historia; mentres que en entretemento é candidato ‘O tren que me leva’, un programa especial que realiza unha das rutas ferroviarias máis espectaculares, de Xixón a Ferrol, na busca de lugares máxicos e con experiencias únicas.
Tamén son finalistas aos Celtic Media Festival, na categoría de programa de música en directo, ‘A Tanxuverbena’, que, no Día das Letras Galegas, uniu o fenómeno musical do ano, as Tanxugueiras, coa presentadora do momento, Esther Estévez; o espazo ‘Náufragos’, que aborda a vida despois dun naufraxio e que foi seleccionado no apartado de serie factual ou de feitos reais, e, como programa para nenos, ‘Meniños cantores’, en que os escolares galegos recrean cancións pertencentes á cultura popular e tradicional.
A Galega tamén aspira a acadar un recoñecemento na sección de longametraxe dramática, con ‘Código Emperador’, thriller ambientado nas altas esferas do poder e con Luís Tosar como protagonista, e con ‘O corpo aberto’, filme de terror folk protagonizado por Tamar Novas, que foi o gran triunfador na última edición dos Premios Mestre Mateo, con 12 galardóns. Ambas as dúas cintas están participadas polo TVG, así como ‘Os demos de barro’, unha coprodución hispano-franco-portuguesa que combina stop-motion con animación en 2D e que foi seleccionada na categoría de animación.
A Radio Galega tamén aspira a facerse con varios galardóns nesta 44ª edición dos premios, que se celebrará na localidade irlandesa de Dungloe do 6 ao 8 de xuño. O programa ‘Pensando en ti’, emblema das madrugadas en Galicia, en que os oíntes comparten experiencias persoais e opinións, é candidato na categoría de entretemento radiofónico, mentres que os podcasts da plataforma RadioGalegaPodcast.gal ‘Un ollo de vidro’ e ‘Zeta’ están propostos nos apartados de radio drama e de serie factual de radio, respectivamente.
O Celtic Media Festival promove a cultura e as linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación e ten lugar desde hai 44 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa.