CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG celebra os 25 anos do 'Xabarín Club' lanzando unha web cos vídeos musicais da historia do programa

16/04/2019

Tamén se poden escoitar as sintonías das series míticas e os rapaces poderán ver á carta e en HD os seus debuxos animados favoritos

Ademais, este sitio, que irá medrando con novos contidos, ofrecerá o concerto de aniversario que se emitirá o xoves na TVG, coa participación de grupos actuais formados por músicos que medraron coas cancións máis icónicas do Xabarín

A CRTVG celebra os 25 anos do 'Xabarín Club' lanzando unha web cos vídeos musicais da historia do programa

Santiago, 16.04.2019.-     A piques de que se faga o 25 aniversario do 'Xabarín Club', que naceu o 18 de abril de 1994, a CRTVG segue de celebración e lanza www.xabarin.gal, unha web onde se poden escoitar os vídeos musicais do Xabarín e que irá medrando no tempo con novos contidos.

Este sitio web recollerá todos os 'Xabaclips' da historia do programa, máis dun cento, entre os que se atopan iconas como 'Somos do clube da galega'; 'Que ghallo é!', de Herdeiros da Crus; 'Non todo é o que parece', de Aerolíneas Federales; 'A onde vas, rapaz', de Siniestro Total; 'Xa vén o Xabarín', dos Diplomáticos de Monte Alto, e 'Estou na lavadora', de O Caimán do Río Tea.

Nesta ligazón tamén se poden escoitar as sintonías xa míticas das series favoritas do 'Xabarín Club', como 'As Bólas Máxicas', 'Doraemon', 'Shin Chan', 'Dragon Ball', 'Marco' e 'O Sarxento Keroro', entre outras moitas. A todos estes contidos tamén se pode acceder a través da nova canle de YouTube do programa.

Ademais, esta nova web pretende converterse nunha ferramenta de entretemento, xa que os máis pequenos da casa poderán ver á carta os seus debuxos animados favoritos, que estarán dispoñibles en HD na páxina web e tamén na app do Xabarín.

As distintas postais da historia programa e as 'Xabaxiras' que se realizaron ao longo dos últimos 25 anos tamén forman parte de www.xabarin.gal, sitio desde o que se poderá seguir, ademais, o concerto de aniversario que se emitirá este xoves na TVG. Este recital  xuntou na Sala Capitol de Santiago unha serie de grupos actuais, formados por músicos que medraron coas cancións máis míticas do programa, aqueles nenos que hoxe son adultos cun vínculo común: a Xeración XabarínTriángulo de Amor Bizarro, Ataque Escampe, The Lákazans, Som Do Galpom, Dakidarría, Monoulious Dop, Escuchando Elefantes, Broken Peach e Fondo Norte son os encargados de versionar en directo as cancións, e estará con eles o Xabarín sempre atento a todo o que poida pasar.