CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG apoia os Bancos de Alimentos na súa Gran Recollida anual

20/11/2020

A Federación Española de Bancos de Alimentos e as canles autonómicas agrupadas en FORTA asinaron un convenio de colaboración para darlle difusión á campaña da Gran Recollida de Alimentos 2020 cun anuncio que xa emite a Televisión de Galicia

A CRTVG apoia os Bancos de Alimentos na súa Gran Recollida anual

Santiago, 20.11.2020.-   A CRTVG adscribiuse á campaña que a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) desenvolve estes días e emite esta semana na Televisión de Galicia un anuncio de sensibilización que chama á colaboración cos bancos de alimentos locais na Gran Recollida de Alimentos 2020.

Esta campaña enmárcase na política de Responsabilidade Social Corporativa dos medios públicos galegos e lévase a cabo en virtude dun convenio asinado entre FORTA, a   Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicas, e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) para darlle difusión á campaña da Gran Recollida de Alimentos 2020. Segundo este acordo, os medios asociados en FORTA colaboran, na medida das súas posibilidades, coa emisión dun anuncio de 30’’ e a difusión nas súas propias canles de comunicación corporativa.

O obxectivo da Gran Recollida de Alimentos 2020’ de FESBAL que agrupa 54 Bancos de Alimentos repartidos pola xeografía española, é a recollida solidaria e posterior distribución de alimentos entre as persoas máis desfavorecidas. Debido á pandemia da covid-19, nesta campaña prescíndese da recollida de alimentos físicos e solicítanse doazóns económicas para a compra directa de alimentos desde os almacéns sen poñer en risco a doantes e voluntarios.