CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG participa en 9 novos proxectos cinematográficos, dentro das accións de apoio ao sector audiovisual galego

11/01/2022

Catro longametraxes, catro documentais e unha serie de animación 3D destacan na selección das producións, no marco do coñecido como o cumprimento do 6 %

A CRTVG participa en 9 novos proxectos cinematográficos, dentro das accións de apoio ao sector audiovisual galego

Santiago, 11.01.2022.- A CRTVG acordou a súa participación nun total de nove novos  proxectos cinematográficos, catro longametraxes, catro documentais e unha serie de animación 3D, en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual. Despois da avaliación realizada pola Comisión Directiva de Programación da TVG, que analizou as distintas propostas presentadas, determinouse a participación da CRTVG nesta selección de proxectos, dentro do coñecido como o cumprimento do 6 %. Favorecer o sostemento dun sector audiovisual galego que busque tamén a mellora da sociedade e apoiar na creación neste eido unha identidade propia conforman algúns dos criterios que se seguen neste proceso de selección.
    
No que respecta ás longametraxes, a CRTVG vai apoiar ‘Sica’, a estrea na ficción de Carla Subirana. Unha coprodución de Miramemira (‘O que arde’) coa catalá Alba Sotorra, ambientada na Costa da Morte, escenario dunha historia ‘coming of age’ con toques de intriga, en que o relato parte do drama dunhas rapazas que perden os seus pais nunha traxedia no mar.

‘Para ver o mar’ será tamén a primeira longametraxe de Xabier Eirís como director e guionista. Presentada por Serviguide, está inspirada na historia real de Agapito Pazos Méndez, un home que viviu máis de 70 anos pechado nun hospital e que só saíu nunha ocasión do seu cuarto para ver o mar. Esta ficción, con trazas documentais, conta a historia da nosa terra, pero tamén a historia de toda España, a través dos ollos de Telmo, un home que medra entre as catro paredes dun hospital.

Despois do éxito acadado pola comedia ‘Cuñados’, que resultou ser unha das tres mellores estreas de 2021, a Corporación selecciona agora ‘+Cuñados’, unha nova e divertida proposta de Portocabo Producións. Baixo a dirección de Toño López e rodada en Ourense e en galego, continuará a historia da pericia dos personaxes da primeira entrega.  

Pola súa parte, ‘Jacinto’, de Vizuals e dirixida por Javi Camino, é un filme de xénero que xa está triunfando nacional e internacionalmente. Este thriller é unha divertida proposta de horror rural con envoltorio de comedia negra, que tivo a súa estrea mundial no GenreBlast dos Estados Unidos, onde acadou os premios Best Midnight Movie e Best Supporting Actor (Juanma Buiturón), e o lanzamento nacional no festival de Sitges, en que recolleu o premio do público.

No apartado documental, a Galega acordou participar en catro producións. ‘Salvaxe, salvaxe’, presentado por Walkie Talkie Films, é unha película de Emilio Fonseca producida por Xiana do Teixeiro. Proposta única como ensaio cinematográfico exploratorio e inmersivo, que obtivo a cualificación de película de interese cultural. Este proxecto multimedia toma o motivo do lobo ibérico no norte de Galicia e Portugal. Así mesmo, o documental ‘Fillas do vento’, dirixido por Adrián Vilas e producido por Trespés desenvolvemento local, fará un achegamento a un animal totémico, como é o cabalo do monte.

Outro documental que contará co apoio da CRTVG é ‘Peregrinas, mulleres do Camiño’, proxecto de Teófilo Comunicación, dirixido por Alberte Cabarcos co apoio do Xacobeo. Trátase dun percorrido pola historia do Camiño de Santiago desde unha perspectiva feminina. E ‘A unidade componse da desorde’ é un documental cultural dirixido por Bruno Arias, que establece un diálogo artístico coa súa tía, a finada escritora Xela Arias.

Por último, a CRTVG seleccionou unha proposta para o público infantil, ‘Mibots’, unha serie de animación 3D, en clave de divertida comedia, presentada por Producións A Fonsagrada. Co apoio de Á Punt Média e o Instituto Valenciano de Cinematografía, concíbese como unha experiencia multimedia arredor de pílulas de animación, destinada tamén ao seu consumo en plataformas e aplicacións en liña das propias canles de televisión. Dirixida por Nathalie Martínez e Maxi Valero, ‘Mibots’ é unha simpática familia espacial de exploradores que ten a tola misión de intentar comprender o mundo dos humanos desde a lóxica dos seus circuítos mentais.