CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG apoia 12 novos proxectos cinematográficos do sector audiovisual galego

13/01/2020

Cinco longametraxes, entre elas coproducións con Portugal e Francia, e seis documentais destacan na selección das producións, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%

A CRTVG apoia 12 novos proxectos cinematográficos do sector audiovisual galego

Santiago, 13.01.2020.-  A CRTVG acordou a súa participación nunha ducia de novos  proxectos cinematográficos, cinco longametraxes, seis documentais e unha serie de animación, en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%. A Comisión Directiva de Programación da TVG, que analizou as distintas propostas determinou a participación da Corporación en 5 longametraxes, incluída unha de animación. Unha delas é ‘O home e o can’, película de autor producida por Caladinho Filmes, e a primeira longametraxe do director Rafael de los Arcos, que conta cun dilatado percorrido por festivais como curtometraxista. Esta película é, ante todo, unha metáfora da vida a través da reflexión sobre a soidade próxima á morte, pero cuxo fin de relato desprende luz e esperanza.

Coproducións internacionais con Portugal e Francia

Nesta selección, hai dúas coproducións con Portugal: ‘O corpo aberto’ e ‘Debuxos animados’. A primeira, da produtora Ollovivo, é unha película de terror gótico da directora Ángeles Huerta, ambientada nunha aldea perdida e baseada nun relato de Xosé Luís Méndez Ferrín. E ‘Debuxos animados’ (Honeymoon) é un thriller con tintes de road-movie, do director de ‘Crebinsky’, Enrique Otero. Producida polas galegas Pulsa Control Z e Matriuska, en coprodución coa portuguesa Planar, conta no elenco cos actores galegos Javier Gutiérrez, Antón Durán ‘Morris’ e María Vázquez, entre outros.

A seguinte longametraxe, ‘Tres’, é unha coprodución con Francia, dirixida por Juanjo Giménez. A súa rodaxe levarase a cabo no segundo trimestre de 2020, con catro semanas en Galicia e un equipo técnico-artístico galego.

Dúas producións de animación e seis documentais

A CRTVG tamén participará na adquisición de dereitos de dous proxectos de animación. Por unha parte, ‘Valentina’, dirixida á cativada, é unha entrañable aventura musical, producida por Abano Producións e Antaruxa. Esta ópera prima da galega Chelo Loureiro amosa a historia dunha nena diferente que soña con ser trapecista. E ‘Tutu e os amigos do bosque’, dirixida por Raquel Ramos, ofrece unha nova temporada da serie de éxito en 3D, que achega ao público preescolar as aventuras de Tutu e a súa tropa nunha fermosa fraga.

No apartado documental, a Galega participará en seis producións. ‘María Casares, a muller que viviu mil vidas’, de Xavier Villaverde e Agallas Films, é unha coprodución internacional con Francia que homenaxea unha das actrices europeas máis relevantes do século XX, con motivo da conmemoración do centenario do seu nacemento. Xa en fase de rodaxe, ‘O gran camiño’, dirixido por Raúl García e Alba Prol e producido por Meteórica Cine, pon o Camiño de Santiago no centro das grandes rutas do mundo e indaga sobre os motivos da natureza camiñante do ser humano. En ‘A virxe roxa’, de Marcos Nine e Recrea Films, afóndase no caso de Hildegart Rodríguez, unha das intelectuais máis destacadas nos principios do feminismo durante a Segunda República. As outras propostas documentais son ‘A rapa’, de Rapa AIE e Alejandro Enríquez,que ofrece un punto de vista único desta festa, desde a aldea de Sabucedo ao longo de todo o ano; ‘Spistbergen, o gardián do Ártico’, longametraxe sobre o cambio climático de Ignacio Benedeti; e ‘A nosotros tu reino’, dirixido por Horacio Alcalá, conta a historia do vigués Simón González, trece veces consecutivas campión do mundo de full-contact. Unha historia de superación e de loita, e un clamor á esperanza para as persoas que sufriran un revés da vida.