CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG acolle o seminario "Euroradio World Music Workshop" dentro da programación do festival Womex

18/10/2016

Coordinado polo alemán Johannes Theurer e o suízo Laurent Marceau, abordará á diversidade musical e cultural no mundo

A Radio Galega habilita un estudio de gravación para que diversas emisoras internacionais retransmitan en directo os seus programas

A CRTVG acolle o seminario "Euroradio World Music Workshop" dentro da programación do festival Womex

Santiago, 18.10.2016.-    A sede da CRTVG acolle este mércores 19 de outubro o obradoiro “Euroradio World Music Workshop”, que o grupo Euroradio de emisoras públicas integradas na Unión Europea de Radiodifusión (UER-EBU) organiza no marco do festival Womex (World Music Expo), evento internacional de músicas do mundo que se celebra en Santiago de Compostela ata o 23 de outubro.

Ademais, a Radio Galega ofreceralles aos visitantes internacionais un tour polas súas instalacións e habilitou un estudio de gravación na sede do Womex, na Cidade da Cultura, para que disintas emisoras europeas poidan emitir en directo os seus programas desde Galicia.

O seminario “Euroradio World Music Workshop”, coordinado polo alemán Johannes Theurer e suízo Laurent Marceau, terá lugar na sede da CRTVG coa asistencia de 40 profesionais membros de Euroradio, que traballarán sobre a  diversidade musical e cultural no mundo.

Expertos de varias nacionalidades falarán de temas como o papel da música en relación ás problemáticas da guerra, os refuxiados ou as migracións, así como tamén da integración de minorías étnicas a través da música, cuestión que exemplificará un proxecto de colaboración entre músicos de Roma e do pobo Sami, ou da actualidade do folclore tradicional galego.

A CRTVG, que é “media partner” do Womex 2016, xa acolleu un seminario similar no ano 2014, cando tamén Santiago de Compostela foi a cidade en que se celebrou este evento internacional.

Galería de imaxes