CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A comedia de situación "Escoba!" volve á grella da Televisión de Galicia

26/05/2014

A canle autonómica ofrecerá dous novos capítulos da serie, en que serán protagonistas o alcol, as adopcións e as infusións (22.40 h.)

A comedia de situación "Escoba!" volve á grella da Televisión de Galicia

Santiago, 26.05.2014.- A Televisión de Galicia recupera hoxe a comedia de situación “Escoba!” (22.40 horas), que comeza unha nova temporada en que serán protagonistas outra vez cinco mulleres que se reúnen nun local social, que comparten as súas fatigas diarias e que afrontan a vida cun ton irónico e con moita retranca.

A canle autonómica ofrecerá esta noite dous novos capítulos da serie protagonizada por Mela Casal, Dorotea Bárcena, Rosa Álvarez, Teté Delgado e Elina Luaces. No primeiro deles, as amigas comezan a lembrar as maiores borracheiras que tiveron na súa vida, que trouxeron consigo as tolerías de Amparo, a inocencia de Sofía e o namoramento de Milagros. Marina, pola súa banda, comeza a recoller sinaturas para prohibir a venda de alcol nos centros de maiores, cousa que non acaba de convencer a ninguén.

Entrementres, Carlota e o seu amigo Sebastiao están a organizar un concurso de coitelería e queren que Luís participe e leve o premio. Milagros queda abraiada ao decatarse de que o tal Sebastiao é descendente do seu namorado de xuventude.

Na seguinte entrega, a Amparo éntralle o instinto maternal e decide que quere ter un fillo, sendo a adopción a mellor opción. Namentres, Antonio pídelle a don Ricardo que se organicen novas actividades no centro que as manteñan entretidas. A proposta do director consiste nun cursiño de infusións, cousa que non parece emocionar a ninguén. O bo de Luís será o elixido como coello de indias para facer de experto en infusións e de fillo improvisado de Amparo.