CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A cantante sevillana Melody e a popular artista galega Pili Pampín encabezan o cartel musical do 'Luar' desta noite

08/11/2019

Tamén estarán no escenario José María Guzmán, Davide Salvado e Fransy González, a orquestra Israel e a histórica agrupación folclórica Cantigas e Agarimos, entre outros (22.00 h)

A cantante sevillana Melody e a popular artista galega Pili Pampín encabezan o cartel musical do 'Luar' desta noite

Santiago, 08.11.2019.-     A cantante Melody, que saltara á fama con dez anos coa súa popular canción de ‘El baile del gorila’, visita esta noite o programa ‘Luar’ con algúns dos temas do seu amplo repertorio, entre eles o seu último éxito, ‘Rúmbame’. A sevillana, cunha proposta moderna que abrangue diferentes estilos, fará gozar os espectadores coa súa música e a súa voz. Ademais de actuar en solitario, interpretará a dúo co seu pai, Lorenzo Molina, a canción ‘Loco’.

No escenario tamén estarán o compositor e cantante José María Guzmán, unha lenda da música española, fundador de grupos como Cadillac ou Cánovas, Rodrigo, Adolfo e Guzmán, e a popular artista galega Pili Pampín, que porá o público en pé cos seus temas.

A música tradicional galega virá da man de Davide Salvado e Fransy González, a histórica agrupación folclórica Cantigas e Agarimos, o Coro Cántigas da Terra e a Banda de Música Xuvenil de Xinzo (Ponteareas). Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Beatriz Serén ofrecerá as actuacións da orquestra Israel e da formación Alegría Berciana, de Ponferrada.

Non faltará á cita desta noite unha nova entrega do concurso ‘Recantos’, que nesta ocasión enfrontará sobre o escenario a O Chylava, representante da comarca Terras do Eume, e a Velusa, procedente de Portugal Norte.