CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A cantante Melody e Boyanka Kostova achegan os seus novos éxitos no 'Bamboleo' este sábado á noite

24/10/2020

O programa contará coa participación na ‘Jrileira’ do Club Deportivo Balonmán Ribeiro de Ribadavia e o Club de Fútbol Feminino Vila de Cruces

A cantante Melody e Boyanka Kostova achegan os seus novos éxitos no 'Bamboleo' este sábado á noite

Santiago, 24.10.2020.-   ‘Bamboleo’ (22.05 h), o espazo que cada sábado presenta Xosé Manuel Piñeiro, contará nesta ocasión coa presenza dunha artista que leva moitos anos de éxitos: a fantástica Melody, quen se dera a coñecer sendo unha nena co inesquecible ‘Baile del gorila’. A sevillana cantará o seu último éxito, ‘Mátame’, e ‘Amante de la luna’, un tema que foi candidato a representar a España no Festival de Eurovisión. Melody tamén participará nos xogos do programa e ata lle porá remate cunha actuación moi especial acompañada ao piano polo mestre Javier Varela.  

En canto á música galega, ‘Bamboleo’ contará coa presenza do dúo pioneiro no trap galego, Boyanka Kostova. Os artistas interpretarán a ‘Muinheira de interior’, un tema moi marchoso extraído do seu último disco ‘Os dous de sempre’.

A verbena estará representada pola orquestra La Quinta Marcha – Riazor, unha formación que naceu na Coruña hai un ano co firme propósito de facer bailar. E para bailes artísticos os que interpretará a parella de bailaríns redondeláns David e Lidia, que farán dúas fermosas exhibicións de bachata.   

Na sección do ‘Agora ou Nunca’, estrearanse cantando na tele Carminha Piñeiro e Jorge Gómez. Os dous subirán ao escenario dispostos a mostrar o seu potencial artístico interpretando os temas ‘Saturno’, de Pablo Alborán, e ‘Nuestra canción’, de Elvis Crespo.  

De todo pode pasar no ‘Bamboleo’ desta noite e máis cando conta coa presenza do gran Isi, un home que tanto fai rir coas súas historias como se converte en protagonista dos xogos máis audaces.  

Dúas entidades deportivas, o Club Deportivo Balonmán Ribeiro de Ribadavia e o Club de Fútbol Feminino Vila de Cruces, participarán na ‘Jrileira’. En primeiro lugar interpretarán no karaoke a canción ‘Le hace falta un beso’ de Agapornis e a continuación intentarán adiviñar a maior cantidade posible de intérpretes.  

Cara ao final do programa chegará a ‘ITV Do Amor’, o apartado das respostas máis atrevidas. Aída e o seu mozo terán que conseguir despistar o participante do público para facerse co premio.