CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A canción 'A maxia está en ti', de Rocío Varela, gaña o concurso 'Este verán canta con nós'

30/06/2020

Premiada con 1.000 euros, a peza vencedora, que será a banda sonora da CRTVG durante os vindeiros meses, convenceu o xurado pola súa ledicia e mensaxe positiva

Debido á calidade das cancións e vídeos que se presentaron ao certame, elaborouse un top 7 coas mellores propostas da trintena de temas valorados

A canción 'A maxia está en ti', de Rocío Varela, gaña o concurso 'Este verán canta con nós'

Santiago, 30.06.2020.-    A CRTVG xa ten a súa banda sonora para este verán de 2020. A canción ‘A maxia está en ti’, de Rocío Varela, é a gañadora da cuarta edición do certame ‘Este verán canta con nós’, resolto hoxe en Santiago e que contou cunha extraordinaria resposta, xa que se presentaron ao concurso 40 cancións, das que finalmente se valoraron as 31 que cumprían coas bases expostas.

A peza gañadora convenceu o xurado pola súa ledicia e a mensaxe positiva que transmite de que “todos temos maxia dentro” e por encaixar moi ben cos gustos do público galego. Composto polos presentadores Paco Lodeiro (‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’) e Lucía Rodríguez (‘Que nos pille rebolando’); o director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea; a xefa de Contidos da TVG, Montse Besada, e a xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, o xurado destacou que a canción vencedora podería ser un tema número 1 en calquera lista de éxitos.

Tamén se fixo fincapé na calidade de todos as cancións e vídeos que se presentaron ao concurso. Tal reunión de talento fixo que a escolla fose moi complicada para o xurado, polo que elaborou un top 7, onde se atopan, sen contar coa gañadora e sen orde establecida: Diego Eses, con ‘Galicia tropical’; Alejandra Pais, con ‘O teu corazón’; Samuel Soto, con ‘O verán chegou’; Verter, con ‘Se non temos festa’; Plan Siberia, con ‘Pon na galega’, e Fernando Paredes, con ‘Volver respirar’.

A apegadiza canción, que xa pode escoitarse na web da CRTVG, foi premiada con 1.000 euros e terá difusión nos distintos programas da Televisión de Galicia e da Radio Galega, así como nas súas redes sociais.

‘A maxia está en ti’ sucede a ‘Que nos pille rebolando’, a canción gañadora do ano pasado, do artista Miguel Silva, máis coñecido como Aquel-e. Con este reggaeton con estética trap, o artista rianxeiro acadou un grande éxito e notoriedade o estío pasado. A CRTVG desenvolve este concurso, así como o que tamén se convoca en Nadal, co obxectivo de apoiar a música en galego e de descubrir novos talentos.