CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A actualidade da cultura e as propostas dos creadores galegos volven á G2 cunha nova temporada de 'Zigzag'

08/09/2019

No seu regreso despois da paréntese estival, o programa recibirá a visita de Juan Galiñanes, guionista de 'Quen a ferro mata', e falará de Luís Tosar, protagonista deste filme

A actualidade da cultura e as propostas dos creadores galegos volven á G2 cunha nova temporada de 'Zigzag'

Santiago, 08.09.2019.-    'Zigzag', o programa de referencia da cultura en Galicia, volve este luns á G2 despois da paréntese estival. Así, unha temporada máis, a actualidade das artes e as propostas dos creadores galegos manteñen un lugar de seu na grella da canle autonómica con este espazo que presenta Pilar G. Rego de luns a venres e María Solar na fin de semana e a través da primeira canle.

Despois dunha exitosa traxectoria de dez temporadas chea de premios e de recoñecementos, comeza unha nova etapa co obxectivo de seguir sendo referente do mundo das artes plásticas, da literatura, da música, do cinema e da escena, con especial atención á gran capacidade creativa que se desenvolve en Galicia.

No seu regreso despois das vacacións, 'Zigzag' recibirá a visita de Juan Galiñanes, guionista do filme 'Quen a ferro mata', última incorporación galega ás salas de cinema, unha historia arredor da memoria e do narcotráfico, con Luís Tosar e María Vázquez como protagonistas.

Ademais, nunha reportaxe, os espectadores descubrirán que este vai ser o trimestre de Luís Tosar, xa que o protagonista de 'Quen a ferro mata' regresa cun comezo de temporada moi activo e é o actor galego con máis presenza na carteleira.

Ademais do cinema, as artes escénicas tamén serán protagonistas este luns en 'Zigzag', que presentará a nova montaxe teatral de Matarile Teatro, 'Daimon y la jodida lógica', dirixida por Ana Vallés, que se estreou esta fin de semana na Sala Ártika de Vigo. Con esta nova montaxe, a compañía galega, que leva 33 anos innovando sobre o escenario, volve ao gran formato cun equipo de 14 persoas en xira.

Finalmente, o espazo da G2 entrará nos ensaios de Camiño Escena Norte, un proxecto que impulsa o intercambio de obras de teatro para promover a cultura e a lingua galegas pola ruta do Camiño de Santiago do norte. Entre as actividades inclúense espectáculos de teatro e danza, encontros cos artistas, seminarios e xornadas ou residencias de creación.