CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A actualidade científica e tecnolóxica regresa á Radio Galega cos programas 'Efervesciencia' e 'Lambóns dixitais'

22/04/2020

Emitiranse a medianoite do mércores e do xoves, respectivamente, e amosarán como está a afectar a crise da COVID-19 nestes dous eidos

No seu regreso, Efervesciencia ofrece esta noite unha entrevista en exclusiva co virólogo galego César Muñoz-Fontela, que traballa no Plan de Aceleración de Vacinas da OMS

A actualidade científica e tecnolóxica regresa á Radio Galega cos programas 'Efervesciencia' e 'Lambóns dixitais'

Santiago, 22.04.2020.-    A Radio Galega retoma esta semana a emisión dos programas Efervesciencia e Lambóns dixitais, centrados na actualidade científica e tecnolóxica, respectivamente, que foron suspendidos despois da declaración do estado de alarma.

O espazo de divulgación científica Efervesciencia, dirixido e presentado por Manuel Vicente, regresa esta noite ás 00:00 h e durante as vindeiras semanas estará centrado fundamentalmente na investigación sobre o coronavirus desde un dobre enfoque: informativo e humano. No seu regreso, ofrecerá unha entrevista en exclusiva co virólogo galego César Muñoz-Fontela, que traballa no Plan de Aceleración de Vacinas da OMS. A título persoal, explicará o traballo que se está a realizar para testar todas as propostas de vacinas da COVID-19 que xa hai enriba da mesa, unhas 140. É un esforzo científico sen precedentes, baseado na colaboración internacional e na compartición de información.

Ademais, cada semana, Efervesciencia falará con diferentes divulgadores científicos galegos que comentarán como están a vivir esta situación extraordinaria. Esta noite, Manuel Vicente conversará con Eduardo Rolland, director de GCiencia, que explicará como se viviron en Galicia outros andazos, como a peste ou a gripe de 1918, e coa presidenta de SciCom Portugal, Joana Lobo Antunes, que falará da situación no país veciño.

Pola súa parte, Lambóns Dixitais, o programa da RG sobre as tecnoloxías da información e a comunicación, regresa mañá xoves, tamén ás 00:00 h, dirixido e presentado por Carlos García-Verdugo. Cada semana e a través das súas seccións habituais, fará un repaso da actualidade tecnolóxica e tamén haberá tempo para saber como lle está a afectar a este sector a crise sanitaria da COVID-19.

Lambóns Dixitais tamén recupera nesta nova andaina os seus colaboradores habituais. Deste xeito, Marcus Fernández comentará a actualidade tecnolóxica, Javier Mos falará de redes sociais e Daniel González Portela fará unha aproximación semanal ao mundo dos videoxogos.