CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

61 orixinais concorren ao XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

24/10/2017

O xurado, integrado por profesionais do ámbito escénico e radiofónico, escollerá nos primeiros días de novembro as obras finalistas

O dramaturgo Santiago Cortegoso dirixirá a adaptación radiofónica dos textos seleccionados

Estas pezas sumaranse ao corpus de 37 obras que ao longo das dez últimas edicións conformaron as emisións do premio que promove o programa cultural da Radio Galega, co patrocinio da Secretar&am

61 orixinais concorren ao XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Santiago, 24.10.2017.-    61 orixinais concorren á undécima edición do Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico da Radio Galega, que, rematado o prazo de presentación de textos o pasado 15 de outubro, abre agora o período de selección das obras finalistas.

Santiago Cortegoso, dramaturgo, actor e director da compañía Ibuprofeno Teatro, será o responsable da adaptación radiofónica desta undécima edición. Especialista en Arte Dramática, é autor de textos  como "Raclette (Premio Álvaro Cunqueiro de Textos Teatrais), "Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios" ou "A filla de Woody Allen". Recibiu, entre outros, os premios María Casares ao mellor texto orixinal (2013), Rafael Dieste (2009) e Álvaro Cunqueiro (2014) e foi finalista nos Premios Max.

O xurado do XI Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico está formado polo propio Cortegoso, a gañadora do premio do xurado da edición anterior, Eva F. Ferreira; a programadora de teatro de Carballo Carmen Castro, por designación da Secretaría Xeral de Cultura; o crítico de teatro Antón Lopo; a xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, e a directora do programa "Diario Cultural", Ana Romaní.

En  novembro o xurado escollerá as obras finalistas, que logo serán dramatizadas e emitidas nos distintos programas da Radio Galega. Estas pezas sumaranse ao corpus de 37 obras que ao longo das dez últimas edicións conformaron as emisións do Premio "Diario Cultural", creado co obxecto de fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.

Organizado pola Radio Galega e co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, o certame materialízase na emisión das obras seleccionadas e dramatizadas e na edición nun libro-CD cos textos finalistas. As dramatizacións emitiranse en distintos programas da radio pública galega. Das emitidas, o xurado escollerá a obra galardoada finalmente e a audiencia votará o texto que recibirá o premio do público.

Cunha dotación total de 6.000 euros -3.000 euros en cada unha das dúas categorías-, o galardón conforma a colección do Premio de Teatro Radiofónico, que se publica desde o ano 2006.