CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

14 entrevistas e outros 4 debates electorais, neste caso na RG, dan continuidade á cobertura electoral da CRTVG

01/07/2020

A TVG e a Radio Galega comezan a rolda de entrevistas este xoves cos tres grupos políticos significativos

A Radio Galega emitirá os catro debates electorais, o próximo luns, en desconexión provincial, ás 21.00 horas

14 entrevistas e outros 4 debates electorais, neste caso na RG, dan continuidade á cobertura electoral da CRTVG

Santiago, 01.07.2020.- Os medios públicos galegos emitirán, desde este xoves, un total de 14 entrevistas no marco da cobertura da campaña electoral para os comicios do 12 de xullo e 4 debates electorais na Radio Galega. Os sete candidatos/as que determina cada forza participarán nas entrevistas tanto da Televisión de Galicia como da Radio Galega, e se emitirán en orde de menor a maior representación e cunha duración proporcional recollida no Plan de Cobertura electoral. A emisora pública ofrecerá tamén o próximo luns catro debates, en desconexión provincial, dentro do espazo ‘A Crónica’.

Ás entrevistas dos medios públicos, tanto na TVG como na Radio Galega, asistirán os sete candidatos e candidatas dos denominados electoralmente ‘grupos representativos’ (Alberto Núñez Feijóo polo PP; Pancho Casal da Marea Galeguista; Gonzalo Caballero do PsdeG; e Ana Pontón polo BNG) e os dos denominados ‘grupos políticos significativos’ (Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común; Beatriz Pino, de Ciudadanos e Ricardo Morado, de Vox).

No caso da TVG, a emisión das entrevistas electorais comezará mañá xoves, despois do ‘Telexornal Serán’, ás 22.00 horas, aos tres grupos significativos e serán realizadas polo xornalista Marcos Sueiro. A vindeira semana desde o luns e en días sucesivos ofreceranse as entrevistas aos candidatos das forzas representativas por esta orde: BNG, PSdeG, Marea Galeguista, e PPdeG.

Debates en desconexión provincial e entrevistas, en directo, na RG

Na Radio Galega, as entrevistas aos candidatos das sete forzas políticas ofreceranse en directo, ás 08.00 horas, dentro do espazo ‘Galicia por Diante’ desde este xoves. Presentadas por Xosé Valiñas, emítense en orde de menor a maior representación: Vox (2 de xullo), Ciudadanos (3 de xullo), Galicia en Común (6 de xullo), BNG (7 de xullo), PSdeG (8 de xullo), Marea Galeguista (9 de xullo) e PPdeG (10 de xullo).

Pola súa parte, os catro debates da Radio Galega emitiranse simultaneamente o próximo luns, en desconexión provincial, ás 21.00 horas, dentro do espazo ‘A Crónica’.