CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG retransmite este domingo a final da Copa Galicia de baloncesto feminino

29/09/2023

Derbi galego na 2ª RFEF, con encontro entre Compostela e Ourense, o domingo

Os medios públicos tamén recollen o Pontevedra-Guijuelo, de fútbol, e o encontro de hóckey sobre patíns entre Deportivo Liceo e Igualada Riga

A CRTVG retransmite este domingo a final da Copa Galicia de baloncesto feminino

Santiago, 29.09.2023.-    A CRTVG ofrece unha variada oferta deportiva esta fin de semana con hóckey, baloncesto e fútbol, e competicións masculinas e femininas. O sábado, ás 18:00 h, o Deportivo Liceo enfróntase ao Igualada Riga H.C. dentro da OK Liga de hóckey sobre patíns. O Pazo dos Deportes de Riazor acollerá o encontro da xornada inicial da fase regular, que terá 26 partidos antes dos playoff polo título. Os coruñeses veñen dunha boa pretemporada, con seis triunfos e dúas derrotas, e catro fichaxes: Bruno Saavedra, Tiago Rodrigues, Tomás Pereira e Pablo Cancela. O partido poderá seguirse tanto na G2 coma na web dos medios públicos galegos.

A xornada do domingo, arrancará con baloncesto feminino, coa final da Copa Galicia, a partir das 12:00 h, que retransmitirán tanto G2 como crtvg.gal e que disputarán os gañadores das semifinais Cortegada-Ensino e Baxi Ferrol-Celta Zorka Recalvi.

Xa pola tarde, haberá fútbol correspondente á 2ª RFEF, co Pontevedra C. F.-Guijuelo C. D., a partir das 17:00 h e co derbi S. D. Compostela-Ourense C. F., ás 19:00 h. Poderán seguirse a través de ámbalas dúas canles G2 e crtvg.gal

Ademais, como cada fin de semana, os programas ‘A Xornada en Xogo’ e ‘En Xogo’ ofrecerán un resumo de mellores momentos e anécdotas, a partir das 23:00 h, sábado e domingo, respectivamente.

ler máis

Soraya presenta sinxelo no 'Luar', mentres cinco novos presentadores optan esta noite a substituír a Gayoso

29/09/2023

Tamén subirán ao escenario do espazo da TVG (21:50 h) Mayumaná, a orquestra Cinema, a Agrupación A Regionalista e Terrae

Soraya presenta sinxelo no 'Luar', mentres cinco novos presentadores optan esta noite a substituír a Gayoso

Santiago, 29.09.2023.-     O programa Luar continúa á busca dun substituto para Xosé Ramón Gayoso, e pode que esta noite haxa veredicto. Haberá cinco candidatos: catro mulleres −Loly Gómez, Iolanda Muíños, Sabela Romar e Lucía Regueiro e un aspirante incógnita. O cásting de presentadores conducirao un personaxe interpretado polo humorista Xosé Antonio Touriñán: Manuel Eduardo, un experto en televisión. E, como artistas convidados para facer gozar a público e audiencia, o musical da Televisión de Galicia contará con Soraya, Mayumaná e a orquestra Cinema, entre outros.

A artista estremeña Soraya Arnelas levará ao escenario, entre outros temas, o seu último sinxelo "La botella", unha peza lanzada este verán e pensada para animar as pistas de baile. A artista recuperou os sons dos 90 nun tema cargado de nostalxia da adolescencia e que lanzou acompañado por un vídeo cheo de cor.

Doutra banda, os seguidores do programa, que presentará Esther Estévez, poderán gozar dos sons e percusións de Mayumaná. Levan máis de dúas décadas facendo música con contedores de lixo, recipientes metálicos e tubaxes de PVC como base para os seus bailes e acrobacias.

Coma sempre, Luar contará coa mellor música galega. Subirán ao escenario a Agrupación A Regionalista, a Charanga 555 e Terrae, un proxecto musical enfocado á simbiose entre os efectos da natureza e os humanos a través do baile. O humor poñerano Julito e Merche e Campos e Crespo. E, no concurso "Recantos", compiten esta semana Bea García, por Terras do Eume, e Ramón Noche, pola Terra Chá.

ler máis

A Radio Galega retransmite este venres o Andorra-Breogán da Liga ACB de baloncesto

28/09/2023

O sábado, as plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal ofrecerán a final da previa da Champions entre o Obradoiro e o Estrasburgo

A Radio Galega retransmite este venres o Andorra-Breogán da Liga ACB de baloncesto

Santiago, 29.09.2023.-   O baloncesto continúa sendo protagonista na programación deportiva da Radio Galega e as plataformas dixitais da CRTVG. Esta noite, os seareiros do Breogán poderán gozar desde as 20:25 h, pola FM, da segunda xornada da Liga ACB, coa visita do equipo de Lugo ao recén ascendido Andorra. Vai ser unha semana contra o reloxo para o equipo galego, xa que o domingo pola tarde volverá ter competición, desta volta no Pazo ante o Manresa. Ademais, o programa dará cobertura desde Santiago de Compostela ao que suceda nas semifinais da Copa Galicia de baloncesto feminino.

O sábado, desde as 19:00 h, as plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal/deportes prestarán atención á final da previa da Champios que desde o martes se disputa en Turquía. O Obradoiro, tras eliminar ao Mornar de Macedonia e ao Legia de Varsovia, afronta o partido decisivo ante o Estrasburgo, co pase a fase final en xogo. Os seareiros que asistan ao Sar terán a oportunidade de visionar o partido pola pantalla xigante co audio da retransmisión do equipo deportivo da Radio Galega.

ler máis

Televisión de Galicia impulsa a primeira película sobre a vida de Castelao

28/09/2023

Con guión de Pepe Coira, dirección de Ángeles Huerta e Tamar Novas como protagonista, relata aspectos da súa vida persoal pouco coñecidos

Rodarase nos lugares habitados polo autor e político: Pontevedra, Santiago, Rianxo e Bretaña, e tratará o seu aspecto máis persoal: o Castelao médico, humanista, político, xornalista ou debuxante

Televisión de Galicia impulsa a primeira película sobre a vida de Castelao

Santiago, 28.09.2023.-    Coa súa participación na película ‘Castelao’, producida por Zenit TV, Televisión de Galicia segue a promover proxectos sobre figuras senlleiras e referentes da historia recente de Galicia. A película, protagonizada por Tamar Novas, situará a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no seu merecido lugar no ámbito da ficción audiovisual galega, e conta co guión de Pepe Coira, gañador de premios como o Ondas á mellor serie española, os premios Iris, Mestre Mateo, Alma, Forqué e MiM Series entre outros. A directora é Ángeles Huerta, quen coa su ópera prima ‘O corpo aberto’ obtivo doce galardóns nos Premios Mestre Mateo.

ler máis

As películas 'O corno' e 'O soño da sultá', participadas pola TVG, compiten na sección oficial do Festival de San Sebastián

28/09/2023

A longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda é a primeira produción en galego que aspira á Cuncha de Ouro

A fábula da produtora Abano, dirixida por Isabel Herguera, é o primeiro filme de animación europeo candidato á máxima distinción do certame

As películas 'O corno' e 'O soño da sultá', participadas pola TVG, compiten na sección oficial do Festival de San Sebastián

Santiago, 28.09.2023.-    A 71º edición do Festival Internacional de Cine San Sebastián, que se celebra estes días en Donostia, conta cunha destacada presenza galega, xa que ‘O corno’, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, e o filme de animación ‘O soño da sultá’, ambas as dúas participadas pola TVG, compiten pola Cuncha de Ouro na sección oficial do certame.

O filme ‘O corno’ fai historia ao ser a primeira longametraxe en galego e de produción galega que aspira á máxima distinción do festival. Este drama rural ambientado na Galicia dos anos 70 está protagonizado pola bailarina Janet Novás, no que é o seu debut no cinema, e conta no seu elenco con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes e Diego Anido, entre outros.

‘O corno’ foi rodada en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Miño (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, se ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas.

Histórico é tamén que por primeira vez unha película de animación europea, a fábula animada ‘O soño da sultá’, compita na sección oficial de San Sebastián. Producida pola empresa galega Abano Producións e con dúas animadoras galegas no equipo, é unha coprodución internacional con Alemaña que conta co apoio de ETB, o Goberno vasco, o ICAA, a axuda de Media Creative Europa e a distribución de Filmin. A película está inspirada nun conto feminista indio escrito en 1905 por Rokeya Hossain que cobra vida grazas ao entusiasmo da directora Isabel Herguera.

ler máis

A CRTVG emite en directo, de xoves a sábado, o V Foro La Toja, centrado nos retos sociais e económicos

28/09/2023

A G2 e a web emitirán integramente a totalidade dos relatorios e os informativos da TVG e a Radio Galega conectarán co evento e ofrecerán entrevistas cos intervenientes máis destacados

O ‘Telexornal Serán’ deste xoves realizarase desde a illa da Toxa, con motivo da xornada inaugural, en que intervirá o rei Filipe V

A CRTVG emite en directo, de xoves a sábado, o V Foro La Toja, centrado nos retos sociais e económicos

Santiago, 28.09.2023.-    O V Foro La Toja-Vínculo Atlántico, que se desenvolverá na illa da Toxa do 28 ao 30 de setembro, poderase seguir en directo e de xeito íntegro pola TVG. Os medios públicos galegos poñen novamente o foco informativo neste espazo para a reflexión e o debate, que xa se converteu nunha cita ineludible para a análise dos retos sociais e económicos actuais.

A totalidade dos relatorios retransmitirase pola G2 e a web g24.gal. A cobertura da canle pública comezará este xoves ás 16:30 h, cun adianto informativo pola primeira canle que transmitirá a chegada do rei Filipe VI, quen inaugurará o evento. No marco desta sesión inaugural, farase entrega do Premio Josep Piqué, en homenaxe ao falecido presidente do Foro La Toja e exministro de Exteriores. O galardón entregarase ás mulleres de Afganistán para visibilizar a súa situación baixo o réxime talibán. A partir das 18:30 h, os espectadores poderán seguir a mesa redonda ‘O futuro da globalización’, en que intervirá, entre outros, o gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos.

Ademais, este xoves o ‘Telexornal Serán’ emitirase desde a illa da Toxa, presentado por Marcos Sueiro. E a primeira canle realizará durante os seguintes días unha cobertura con conexións en directo, noticias e entrevistas nos distintos espazos informativos, ao igual que a Radio Galega, con reporteiros dos programas ‘Galicia por Diante’ e ‘A Crónica’ desprazados á Toxa.

ler máis

A CRTVG lanza esta semana os III Premios escolares #DígochoEu

27/09/2023

Os centros educativos de primaria e secundaria poderán achegar as súas propostasde vídeos ata o vindeiro 31 de outubro

O equipo do programa visitará os colexios que resulten seleccionados para a segunda fase, e gravará os vídeos cos alumnos

O espazo tamén estrea esta semana canle propia en YouTube mentres que o raposo Digochiño renova a súa imaxe nos novos capítulos

 

A CRTVG lanza esta semana os III Premios escolares #DígochoEu

Santiago, 27.09.2023.- Chegan os III Premios escolares #DígochoEu da CRTVG, cun novo concurso de vídeos co que seguir promovendo o uso do galego entre a rapazada de educación primaria e secundaria de Galicia e de calquera centro de fóra de Galicia que imparta lingua galega. O prazo de inscrición quedará aberto ata o vindeiro 31 de outubro en www.digochoeu.gal, no apartado 'Concursos'

ler máis

A CRTVG participa en nove novos proxectos cinematográficos no marco do seu apoio ao sector audiovisual

27/09/2023

Foron seleccionadas catro longametraxes, dúas delas de clara identidade galega, un filme de animación que competirá pola Concha de Ouro no Festival de San Sebastián e catro películas documentais

A CRTVG participa en nove novos proxectos cinematográficos no marco do seu apoio ao sector audiovisual

Santiago, 27.09.2023.-    A CRTVG acordou a súa participación en nove novos proxectos cinematográficos, catro longametraxes, un filme de animación e catro películas documentais, en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual de Galicia.

Dúas das longametraxes son producións de clara identidade galega, rodadas en versión orixinal galega e dirixidas por novos talentos femininos: unha, ‘A volta’, producida por Vía Láctea Films e dirixida por Sandra Montes, é unha comedia dramática que conta unha realidade cotiá a través dos sentimentos, e a outra, ‘Castelao’, producida por Zaza Ceballos, aborda por primeira vez desde a ficción unha parte da vida dun dos persoeiros máis carismáticos da cultura galega. Os outros dous proxectos teñen compoñentes máis universais: ‘Quero vivir nun grito’ é un drama enraizado na actualidade concibido desde a óptica e sensibilidade de Diana Toucedo, e a outra película, ‘A mazá dourada’, é unha adaptación literaria con rodaxe íntegra en Galicia por iniciativa do produtor Xosé Zapata.

A longametraxe de animación ‘O soño da sultá’ é unha fábula animada que chega da man da produtora Abano. O proxecto despegará este outono pola porta grande do Festival de San Sebastián, onde por primeira vez unha película de animación europea competirá en sesión oficial.

En relación ás longametraxes documentais, a selección prevé catro proxectos de corte ben diferenciado: un de carácter etnográfico e experimental, ‘Aurora’, que se constrúe arredor da relación da súa directora cunha muller do medio rural ao longo de máis de 10 anos; outro proxecto de tipo divulgativo e autobiográfico, ‘Manuel Outumuro’, que descobre o proceso creativo deste fotógrafo internacional a través da rodaxe nos lugares máis significativos da súa traxectoria. A terceira proposta documental escollida é ‘A Contra Armada’, documental histórico que recolle un episodio controvertido en que A Coruña foi clave. E, por último, inclúese o documental con ambición de coprodución internacional ‘Hoxe e o resto do mundo’, que pretende ofrecer unha visión global de Isaac Díaz Pardo nunha película híbrida entre o documental e a ficción.

Favorecer o sostemento do sector audiovisual galego, apoiar a creación neste eido e participar en proxectos que destaquen pola súa creatividade, calidade, viabilidade e con capacidade de repercusión na sociedade son algúns dos criterios deste proceso de selección que leva a cabo a Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos de Apoio á Produción Cinematográfica da Corporación.

A volta

Producida por Vía Láctea Films, trátase dunha proposta cinematográfica que será o debut de Sandra Montes como directora e guionista dunha longametraxe moi persoal chea de sensibilidade. Sandra escolle unha historia realista e cotiá, pero non exenta de emoción e fortes sentimentos. Unha historia ordinaria enraizada na contorna da Ribeira Sacra e cunha muller forte no centro da mesma que terá que aparcar os seus soños para saír adiante, pero sen abandonar por iso as súas ilusións. É unha produción de axustado presuposto que conta co apoio da Deputación de Lugo e a colaboración de Mr Misto Films para a distribución. En relación ao equipo artístico, os nomes son de primeiro nivel e gozan de clara popularidade: Marta Larralde, Morris, Tito Asorey e Miguel de Lira entre outros. O filme ten un marcado carácter de autor e aspira a espertar interese nos distintos festivais pola delicadeza do seu enfoque social e a beleza da paisaxe onde se sitúa a acción.

Castelao

Zenit TV achega a través da A.I.E esta ambiciosa aposta cinematográfica sobre un dos persoeiros máis ilustres da cultura galega, Castelao. Este filme non é un biopic ao uso, senón que focaliza principalmente o lado humano e persoal máis que o propio personaxe. Para isto a proposta conta no guión con Pepe Coira, avalado pola súa traxectoria de recoñecidos premios audiovisuais. A dirección correrá a cargo de Ángeles Huerta para a que esta será a súa segunda longametraxe de ficción, despois da boa acollida do seu primer filme ‘O corpo aberto’, estreado recentemente. En canto aos actores, preséntase a Tamar Novas, que goza dun prestixio profesional extraordinario, como proposta para darlle vida a Castelao. Zenit TV pretende con este proxecto seguir o modelo da recoñecida colección de biografías titulada ‘Mulleres na historia’, aplicada agora aos homes máis significativos da nosa cultura.

Querer vivir nun grito
    
Producido por Miramemira S.L., este proxecto é un drama de autor de Diana Toucedo que suporá o seu salto como cineasta á ficción. De todas formas, na proposta seguirase percibindo o dominio de Diana na linguaxe documental e a súa preocupación e interese por entender o contexto xeopolítico e social do momento propiciando a constante reflexión do espectador. A película céntrase na personaxe principal, Lola Sar, unha arquitecta entregada a diversas organizacións humanitarias de cooperación internacional. Desde o punto de vista da estrutura financeira o proxecto prevé o apoio de AGADIC e baséase no modelo de coprodución xa experimentado noutros proxectos.

A mazá dourada

Producida por Lapiruetaylamanzana A.I.E., trátase dunha longametraxe con rodaxe íntegra en Galicia e con distribución de A Contracorriente Films. É unha adaptación literaria da novela do mesmo nome que ten o valor de vir completar a extensa cinematografía do recoñecido director Jaime Chávarri. A película conta coa axuda do ICAA, xunto coa participación de TVE, Movistar e Filmin.e ten ademais os apoios da Deputación de Ourense, da D.O. de Monterrei e o premio Xacobeo do Festival OUFF. Trátase dunha comedia coral na que un poema en litixio, unha antoloxía e uns cogomelos velenosos son os detonantes para converter unhas bucólicas xornadas poéticas nun caos cheo de enredos, celos e parellas moi peculiares. No equipo artístico destacan nomes galegos como os de Elena Seijo, Mela Casal ou Celso Bugallo, entre outros.

O soño da sultá

Producida por Abano Producións, S.L., esta longametraxe de animación é un proxecto que ten o valor de ser a primeira película europea de animación que competirá en sección oficial pola Cuncha de Ouro no marco do Festival de San Sebastián este outono. A película vén avalada pola prestixiosa traxectoria de Abano Producións, especializada en animación, e dúas animadoras galegas e permite afianzar as relacións de reciprocidade e apoio coas outras televisións autonómicas. Financeiramente trátase dunha coprodución internacional con Alemaña que conta co apoio de ETB, o Goberno vasco, o ICAA, a axuda de Media Creative Europa e a distribución de Filmin. A película está inspirada nun conto feminista indio escrito en 1905 que cobrará vida grazas ao entusiasmo da directora Isabel Herguera e os produtores que a acompañan nesta aventura, entre os que están Abano e Uniko Estudio Creativo, coprodutor vasco presente tamén na multipremiada longametraxe ‘Unicorn wars’.

Aurora

Esta longametraxe documental de carácter etnográfico e experimental de Gaita Filmes consiste nun retrato de vida dunha veciña do medio rural galego, pero o valor diferencial da proposta é que este retrato se constrúe arredor da relación íntima da súa directora, Area Erina, con esta muller ao longo de máis de dez anos de gravación. Aurora e Area, mulleres cun salto xeracional importante e pertencentes a mundos moi dispares, establecen conversacións profundas acerca de temas como a morte, a familia, a guerra ou a muller. A rodaxe farase en Taboexa, aldea pertencente ao concello das Neves e a obra será realizada en versión orixinal galega.

Manuel Outumuro

Producida por Arraianos Producións, esta longametraxe documental de tipo divulgativo e autobiográfica está dirixida por Aser Álvarez. Será a primeira vez que un documental afonde e descubra o proceso creativo deste fotógrafo internacional a través da rodaxe nos lugares máis significativos da súa traxectoria: Ourense,  Barcelona e Nova York. A rodaxe da obra será realizada en versión orixinal galega. O estilo visual e narrativo deste documental destaca pola mimetización co propio proceso creativo de Outomuro, sendo o seu material fotográfico e o seu relato autobiográfico partes fundamentais do deseño e concepto deste traballo.

A Contra Armada

Esta é a nova proposta de longametraxe documental baixo a dirección de Simón Casal na liña doutros documentais de corte histórico como ‘O reino dos suevos’, de tan boa acollida por parte do público. Este documental proponse redescubrir un episodio histórico que permaneceu oculto e terxiversado ata anos recentes: a Contra Armada inglesa, unha misión organizada pola Raíña Isabel I para acabar coa hexemonía do Imperio Español en 1589. O destino da misión foi selado na Coruña, tras un cruento asedio á cidade por parte dos ingleses e unha enorme batalla urbana protagonizada principalmente por mulleres e homes da cidade. O documental constrúese en coprodución de División XL Producciones, S.L. con RTVE e Simón Casal de Miguel, e conta tamén co apoio do concello da Coruña. A rodaxe farase en versión galega con intervencións espalladas en castelán, portugués e inglés.

Hoxe e o resto do mundo

Producida por Matriuska Producciones, é unha obra dirixida por Cecilia Díaz desde o círculo íntimo de Isaac Díaz Pardo, que pretende ofrecer unha visión global do artista nunha película híbrida entre o documental e a ficción. Trátase dun documental cunha estética vangardista, de carácter humanista, que busca a veracidade periodística. A proposta formal e narrativa deste documental afonda na estrutura poliédrica e o universo de Isaac Díaz Pardo, poñendo de relevo as ideas e facetas fundamentais da súa vida e obra como referentes indiscutibles da historia do século XX. Desde o punto de vista financeiro, o proxecto conta coa axuda de produción de AGADIC e cun acordo de distribución con Elamedia, tanto a nivel nacional a través de Sideral Cinema, como internacional a través de 34T Sales.

ler máis

A CRTVG retransmite todos os encontros do Breogán na Basketball Champions League, na casa e fóra

26/09/2023

Os lugueses xogarán o primeiro partido na casa o 18 de outubro co Bursapor turco e rematarán a competición, tamén no Pazo dos Deportes, ante o Telekom alemán

A Radio Galega tamén seguirá ao Obradoiro na fase clasificatoria, coa retransmisión hoxe do primeiro enfrontamento europeo do equipo de Compostela ante o Mornar Bar 

 

A CRTVG retransmite todos os encontros do Breogán na Basketball Champions League, na casa e fóra

Santiago, 26.09.2023.- A CRTVG ofrecerá en directo os encontros da Basketball Champions League (BCL) dos equipos galegos. Co Breogán de Lugo xa clasificado, a G2 recollerá os partidos dos lugueses na casa e fóra, que tamén poderán seguirse na web e a Radio Galega. Ademais, o Obradoiro enfróntase hoxe ao Mornar Bar de Macedonia nunha xornada histórica, co seu primeiro partido en competición europea, que retransmitará  A RG, ao igual que toda a fase clasificatoria do equipo compostelán.

ler máis

O encontro da previa da Champions entre Obradoiro e Mornar de Macedonia abre este martes a semana de deportes da Radio Galega

25/09/2023

O equipo santiagués necesita tres vitorias para acceder á fase final

O encontro da previa da Champions entre Obradoiro e Mornar de Macedonia abre este martes a semana de deportes da Radio Galega

Santiago, 25.09.2023.- Semana histórica para o Obradoiro de Santiago. O martes, desde as 20:30 h, xoga en Turquía o seu primeiro partido de competición europea, que os oíntes poderán seguir de xeito íntegro a través das plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal/deportes. O rival é o Mornar Bar de Macedonia, un modesto equipo que representa unha vila duns catorce mil habitantes pero que xa ten experiencia en torneos continentais. O partido corresponde aos cuartos de final da previa da Champions, e para acceder á fase final é necesario superar dúas eliminatorias máis, que se celebrarían o xoves e o sábado desta semana na mesma cancha de Antalya.

ler máis