CRTVG

Buscar

Labovisión

Santiago, 14.12.2013.-   A canle pasouoquepasou.crtvg, un espazo interactivo onde os/as galegos/as poden buscar e consultar os diversos materiais gráficos rexistrados polas cámaras da Televisión de Galicia, segue a aumentar o número de vídeos dispoñibles e ofrece xa a día de hoxe preto de 550 documentos relacionados con momentos significativos da historia recente de Galicia. Ademais, prevese que durante os vindeiros meses se siga fornecendo este arquivo con novo material.

O arquivo dixital en liña da CRTVG púxose en marcha o pasado mes de xullo, coincidindo co 28 aniversario do comezo das emisións da Televisión de Galicia e naceu co obxectivo de facilitar o acceso aos contidos de arquivo dos medios públicos galegos, adaptándoos a un medio imprescindible como é a internet.

Entre os centos de vídeos dispoñibles neste momento para os usuarios, os máis vistos son un material relacionado coa Xornada Mundial da Xuventude que se celebrou durante a visita do papa Xoán Paulo II a Compostela en 1989 e a primeira transmisión na TVG dun partido do Deportivo da Coruña, en 1986. Ademais, entre os documentos destacados, estase a apostar por difundiar material relacionado con deportes minoritarios pero que teñen moito peso en Galicia, como é o caso do hóckey sobre patíns.

Pasouoquepasou.crtvg é un proxecto pioneiro das canles españolas, unha iniciativa con capacidade para xerar contidos novos a partir dos fondos existentes no arquivo da CRTVG que, ademais, servirán como ferramenta para potenciar o ensino e a investigación, entre outros ámbitos.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí