CRTVG

Buscar

Labovisión

Santiago, 24.07.2013.- Este 24 de xullo, coincidindo co 28 aniversario do comezo das emisións da Televisión de Galicia, a web da CRTVG puxo en marcha a nova canle pasouoquepasou.crtvg, un espazo interactivo no que os galegos/as poderán buscar e consultar os diversos materiais gráficos rexistrados polas cámaras da Televisión de Galicia e que se corresponden con momentos significativos na historia recente da comunidade.

Esta plataforma, accesible desde a web corporativa crtvg.es ou directamente desde pasouoquepasou.crtvg.es, nace co obxectivo de facilitar o acceso aos contidos de arquivo, adaptándoos a un medio imprescindible como é Internet. Deste xeito, a relación entre a sociedade e o arquivo invértese, sendo este último o que se achega ao público.
 
Nesta primeira mostra, os galegos poderán consultar máis de 400 vídeos, editados e elaborados especificamente para este servizo,  de feitos salientables dende o ano 1985, se ben o servizo ampliarase en breve ata os mil documentos gráficos e sonoros e continuará crecendo no sucesivo. Así, todos aqueles/as que o precisen, poderán buscar o contido que prefiran a través do buscador que trae incorporado ou mediante a súa clasificación por temas e subtemas.

Pasouoquepasou.crtvg tradúcese nun proxecto pioneiro das canles españolas, unha iniciativa con capacidade para xerar contidos novos a partir dos fondos existentes no Arquivo da CRTVG que, ademais, servirán como ferramenta para potenciar o ensino e a investigación, entre outros ámbitos.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí