CRTVG

Buscar

Labovisión

Santiago, 02.12.2016.-  A CRTVG ofrece desde hoxe a súa programación para os máis pequenos a través dunha nova aplicación, 'Xabarín TVG', dispoñible para móbiles e tabletas, con todas as series de animación en galego que se emiten pola tvG2 dentro do espazo Xabarín Club.

A directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, presentou no Culturgal esta iniciativa e destacou que o 'Xabarín Club' se está a adaptar aos hábitos de consumo dunha xeración de nenos completamente dixital. O valor principal da nova aplicación, como ocorre na televisión ou coa TDT, é que é a única para cativos con contidos audiovisuais exclusivamente en galego.

A Televisión de Galicia reforza así a súa presenza entre a audiencia ata 14 anos de idade, moi familiarizada coa tecnoloxía dixital, que poderá gozar nos distintos dispositivos electrónicos de series de animación como 'Os Bolechas''Fish and Chips''Cocorico''Caracois', 'A tropa de trapo''A vaca Connie' ou 'Raa Raa, o leonciño rebuldeiro'.

A app infantil 'Xabarín TVG', dispoñible para Android e iOS, ofrece a posibilidade de peneirar os seus contidos en función da idade dos usuarios, ou das preferencias dos pais e o que consideren contidos adecuados para os seus fillos e fillas. Ademais, permite ver os debuxos en streaming wifi e 3G e é compatible con Air Play/Apple TV. Deste xeito, os máis pequenos poderán visionar os seus debuxos favoritos en calquera lugar e a calquera hora do día. 

A CRTVG estende tamén con este proxecto o seu compromiso coa difusión e a normalización da lingua galega, achegándollela aos máis pequenos a través das novas tecnoloxías e as súas series de animación. A App tamén ofrece a posibilidade de afiliarse ao Xabarín Club, posto que contén unha opción que permite abrir a páxina correspondente na web da CRTVG.

'Xabarín TVG' é a quinta aplicación para dispositivos móbiles lanzada pola Televisión de Galicia. Ademais da App da CRTVG, en que se pode acceder ás canles e emisións radiofónicas do ente público, a televisión autonómica ten dispoñibles en Android e iOS as aplicacións 'Pasou o que pasou', para visualizar o arquivo en liña da TVG; 'O que vexo', que permite gravar vídeos e subilos á web da CRTVG, e webcams CRTVG, que permite acceder ás imaxes de distintas cámaras situadas por todo o territorio galego.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí