CRTVG

Buscar

Labovisión

Santiago, 12.02.2016.-    A CRTVG estreará un novo espacio musical que lles permitirá aos apaixonados da música alternativa gozar dunha programación sen interrupción xa que, por primeira vez, se trata dun programa multiplataforma. “Musigalité” é o nome dunha aposta do ente público polas novas tecnoloxías. Unha experiencia televisiva, radiofónica e dixital a través de contidos multimedia sincronizados e contados cun estilo fresco e actual.

Nunha proposta inédita na CRTVG, “Musigalité” estrearase na Televisión de Galicia o próximo mércores 17 de febreiro ás 00.30 horas, tras o programa “Land Rober Tunai Show”, e será redifundido os sábados pola mañá. Así mesmo, o espazo elaborado pola produtora galega M International para a CRTVG contará cunha web propia accesible a través de www.musigalite.gal, así como un programa radiofónico. Concretamente, emitirase os xoves ás 19.30 h. da tarde en Radio Galega Música e será redifundido na mesma emisora os domingos ás 14.30 h. 

A primeira tempada de “Musigalité” contará con 13 programas de TV e outros tantos de radio representativos da eclosión da música galega alternativa. En cada un deles, o espectador descubrirá tres grupos galegos cos que poderá viaxar ao redor de Galicia. O fío condutor de “Musigalité” será o relato dalgunhas das bandas de máis sona en Galicia.

Utilizando un estilo roadtrip documental, cada grupo irá amosando a súa música e as súas raíces, acompañándoas de actuacións en vivo. Os espectadores asistirán en primeira persoa aos procesos creativos da man das mellores bandas, no seu propio espazo, amosándolles como son realmente as entrañas dos seus universos. Así, por “Musigalité” pasarán grupos como Moon Cresta, Maryland, Victor Coyote, lván Ferreiro, Carlos Jean, Triángulo de Amor Bizarro, Miguel Costas, The Soul Jacket e moitos outros que están a experimentar un grande auxe. 

Nova narrativa transmedia

A nova aposta da CRTVG no espazo dixital (www.musigalite.gal) incorporará todas as posibilidades das novas narrativas transmedia (usando tecnoloxías desenvolvidas por http://www.e-xperience.tv/), que mostran una vez máis o compromiso da CRTVG por incorporar as últimas tendencias en medios audiovisuais e pola innovación. Cada capítulo de “Musigalité” estará a disposición do público na Internet, onde se engadirán contidos extra relacionados cos 39 artistas participantes, concertos, cancións, etcétera.

O novo espazo dixital permitirá dun xeito fluído e sinxelo incorporar contidos extra de diversa natureza (vídeo, audio, fotos, textos…) sincronizados cos contidos audiovisuais que se verán na programación televisiva. Cada espectador poderá construír a súa propia experiencia personalizada, xa que será quen de escoller como quere ver o seu contido na rede, que contidos complementarios incorpora ao relato central e como. 

A directora de TVG, Rosa Vilas, manifestou: “Esta é unha aposta decidida da Televisión de Galicia polo mundo da música galega actual, que cremos que é un oco importante que tiñamos que cubrir. Unha vez decididos a facelo, quixemos que fose dunha maneira máis alá do convencional e así se concibiu como un proxecto transmedia que pensamos que vai encaixar moi ben entre o público que se interesa por estes contidos”.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí