CRTVG

Buscar

Labovisión

Santiago.13.04.2016.- A CRTVG pon en marcha un novo servizo chamado Gcontigo, co obxectivo de achegar diferentes servizos a través de WhatsApp ou Telegram (servizos de mensaxería móbil máis coñecidos).
 
Os/as usuarios/as poderán recibir información da actualidade, de deportes, da programación de TVG (cambios grella, especiais, ‘prime time’,...), e do blog sobre o galego Saborea a lingua. 
 
Para darse de alta no servizo só hai que entrar na web www.gcontigo.gal e engadir o teléfono que aparece na mesma (ou a vCard) como un novo contacto da axenda do móbil. A continuación poderase elixir os servizos aos que o usuario quere subscribirse e recibir información. Desta forma CRTVG será un contacto máis coma calquera amigo/a destes servizos de mensaxería (WhatsApp e Telegram).
 
Os servizos dispoñibles son os seguintes:

Informativos. Este servizo mandará aos usuarios/as información da actualidade informativa. 

Deportes. Este servizo mandará aos usuarios/as información da actualidade deportiva. Ademais, o usuario recibirá a opción de escoller o seguimento de diferentes equipos, categorías e deporte.

Programación TVG. Este servizo mandará aos usuarios/as información sobre cambios na grella da TVG, emisión de especiais, etc.

Blog: Saborea a lingua. Este servizo mandará aos usuarios/as un aviso con cada actualización do blog Saborea a lingua. Este blog pretende achegar o gusto polo galego.
 
O servizo é de balde e está suxeito á Lei de protección de datos (LOPD). Os/as usuarios/as poden darse de baixa en calquera momento con só enviar a palabra “BAIXA” e despois terá que seguir os pasos que lle indicará a mensaxe a través de WhatsApp ou Telegram.
 
UNHA NOVA APOSTA POLA INNOVACIÓN
 
A CRTVG, unha vez máis, utiliza as novas canles dixitais para pór en valor o seu compromiso de servizo público apostando por unha comunicación máis directa cos seus usuarios, promovendo e difundindo a lingua galega.
 
A CRTVG segue na súa aposta pola innovación e por abrir novas canles de comunicación coa súa audiencia, co único propósito de estar cada vez máis preto das súas necesidades.


Con este novo servizo de mensaxería, CRTVG colócase á vangarda das televisións autonómicas e da un primeiro paso para poder ter unha vía de comunicación ‘one-to-one’ cos usuarios. Mellorar e crecer escoitando cun sistema de ti a ti é a finalidade desta nova aposta da CRTVG.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí