CRTVG

Buscar

Labovisión

Santiago, 26.02.2015.- A CRTVG lanza un portal temático das series de ficción galegas baixo o paraugas de .gal. Nace así EnSerie.gal, que amosa as producións actuais e históricas emitidas na Televisión de Galicia durante as súas case tres décadas de vida. Desde “Mareas Vivas”, “Pratos Combinados” e “Matalobos” ata os éxitos máis actuais como “O Faro”, “Serramoura” e “Pazo de Familia”, o portal permite visualizar centos de episodios de ata un total de 17 das series con máis repercusión na historia da TVG. 

EnSerie.gal nace para darlle unha maior visibilidade á ficción galega e tamén para dar resposta ás necesidades dos novos consumos audiovisuais. A grande aposta do portal pasa pola interactividade cos seus usuarios, co obxectivo de potenciar o crecemento e a internacionalización das series de ficción feitas en Galicia.

A versión definitiva de EnSerie.gal, accesible tamén co dominio enserie.crtvg.es, estará dispoñible no vindeiro mes de marzo, momento en que a Televisión de Galicia emitirá un programa especial que percorrerá as series da canle autonómica ao longo da súa traxectoria. Este espazo contará coa presenza dos actores e actrices máis recoñecibles das series e tamén ofrecerá actuacións musicais relacionadas, ao tempo que lembrará momentos impactantes das ficcións de hoxe e do pasado.

Mentres tanto, os usuarios xa poden participar na actual versión “beta” desta canle temática, onde é posible visualizar os capítulos de cada temporada das distintas series cunha navegación sinxela e intuitiva desde calquera dispositivo e acceder a contidos relacionados coas series como os making of, curiosidades, reportaxes, novas, etc.  Ademais, contará con seccións de participación activas como os rankings dos/as máis queridos/as, os/as máis sexys, os/as mellor vestidos/as, etc. EnSerie.gal tamén ofrecerá a posibilidade de recrear secuencias.

A nova canle tamática da CRTVG inclúe tamén un blog, que, baixo o título de “O Figurante”, contará dúas veces por semana as últimas novidades e a información relacionada coas series da Galega.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí