CRTVG

Buscar

Labovisión

Santiago, 16.03.2017. A CRTVG está a piques de lanzar en próximos días a primeira grande experiencia en España da chamada slow TV ou, na súa versión galega, televisión amodiño co proxecto 'Destino Santiago'. Con el os medios públicos emitirán máis de doce horas diarias e ininterrompidas de programación en streaming, cubrindo distintas etapas do Camiño Francés a Santiago. 

Os artistas musicais Lucía Pérez e Tonhito de Poi serán os protagonistas dunha peregrinaxe en tempo real, que se extenderá ao longo de 40 xornadas e que se emitirá multiplataforma a través de todos os soportes dos medios públicos: Televisión de Galicia, Radio Galega, web e redes sociais. En total, 'Destino Santiago' vai sumar ao redor de 300 horas de emisión ao vivo. 

A slow TV é un concepto implantado pola televisión pública norueguesa NRK en 2009 cunha viaxe en tren de sete horas, que foi gravada e emitida nese país. Pero a maior experiencia foi en 2011 cunha viaxe que percorreu a costa do país en barco durante 134 horas seguidas en directo e que se converteu nun acontecemento nacional.

Traendo a experiencia a Galicia e como pioneira en España, a CRTVG creará no seu portal web a canle TVG Amodiño e a páxina www.destinosantiagotvg.gal a través das que emitirá a evolución e situacións con que se atopen os camiñantes de 08.00 a 20.00 h. Desde o vindeiro día 21 de marzo e partindo de Roncesvalles, os espectadores poderán seguir en directo os protagonistas de “Destino Santiago”, durante as diferentes etapas do Camiño, duns 22 quilómetros cada unha.

Ademais de amosar o que aconteza en cada momento en directo, a web da CRTVG incluirá vídeos, resumos das etapas e fichas de cada tramo do Camiño. Tamén contará nas súas redes sociais cun chat para conversar cos protagonistas en tempo real. E haberá conexións diarias en directo en programas dos medios públicos, como 'Galicia por diante''A Tarde' e 'Somos quen' da Radio Galega, e 'A Revista' 'Área pública' da TVG. Nas fins de semana emitirase un programa resumo na Televisión de Galicia.

O proxecto é unha iniciativa experimental enmarcada en Labovisión, o Laboratorio de Innovación Audiovisual de Galicia desde o que a CRTVG promove e apoiar o talento innovador xurdido en Galicia e o desenvolvemento das novas tendencias audiovisuais. Producido por Starplanning, un dos grandes retos vai ser acadar cobertura de sinal para emitir en todo o traxecto, incluíndo as zonas máis afastadas dos núcleos de poboación.En España o único precedente de slow TV é unha canle local de Barcelona, BTV, que gravou videos de ata unha hora de duración con este formato, para a súa emisión posterior.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí