CRTVG

Buscar

Labovisión

Os chamados formatos multiplataforma e, en concreto, as webseries están a converterse nunha tendencia moi relevante nas novas formas de contar historias a través da internet. Consciente desta realidade, a CRTVG formula a iniciativa de apoiar aqueles que xa están ou que queiran incorporarse ao audiovisual na rede a través deste formato.

A CRTVG lanza este concurso baixo o título “Historias do Camiño”, co que pretende abarcar novos nichos de mercado na internet e apoiar a creatividade e o talento galego a través de formatos innovadores. O primeiro concurso está relacionado co fenómeno Xacobeo, por ser un elemento clave da cultura e da identidade galega, ao tempo que cumpre cunha  imaxe de marca universal.

Segundo recollen as normas de participación do concurso, o prazo para a presentación de propostas remata o 31 de marzo do 2014. O xénero debe ser comedia de ficción, cun máximo de 12 minutos de duración por capítulo (para unha serie de 13) e localizado en espazos reais ou imaxinarios relacionados co Camiño de Santiago.

Os tres finalistas terán a posibilidade de perfeccionar o proxecto nun obradoiro impartido por profesionais de recoñecido prestixio. A CRTVG comprométese a comprar os dereitos de propiedade intelecutal do episodio piloto do gañador para súa comunicación pública en crtvg.es. A posibilidade de que a CRTVG decida acometer a serie completa quedará aberta en función da súa calidade e da súa repercusión a nivel de audiencias na web.

Todas as consideracións e requisitos de participación aparecen reflectidas nas bases do I Concurso de webseries da CRTVG “Historias do Camiño”, que se poden consultar na páxina webseries.crtvg.es. Así mesmo, aquelas dúbidas que puidesen xurdir terán resposta a través do correo electrónico webseries@crtvg.es.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí