Historia

A nosa historia dunha maneira breve

Historia da Radio Galega

Publicado el 12/01/2011 18:49:00

Radiotelevisión de Galicia, S.A., ou como é coñecida "Radio Galega", iniciou as súas emisións en probas o domingo 24 de febreiro de 1985, día do aniversario do nacemento da poetisa Rosalía de Castro.

A programación regular comezaría o 29 de marzo de 1985 e desde entón emite as 24 horas do día ininterrompidamente en lingua galega.

A súa programación abrangue todos os aspectos da sociedade galega. Así, informativos, magazines, deportes, cultura, música, programas especiais e emigración conforman espazos que permiten ao oínte estar ao día da actualidade de Galicia, de España e do mundo. A Radio Galega produce e emite o 100% da súa programación dende a Casa da Radio, situada no Centro de Produción e Emisión de San Marcos en Santiago de Compostela. Os 2.000 metros cadrados das novas instalacións están distribuídos en cinco estudios, control central, redaccións de informativos, programas e deportes, discoteca, fonoteca, dependencias administrativas, despachos e un estudio de gravación de 150 metros cadrados.

O cadro de persoal está composto de 90 profesionais, agrupados en sete xefaturas.  necesidade de aproximar aos oíntes ao acontecer máis próximo fixo que se iniciara unha descentralización da súa redacción e na actualidade conta con estudios na Coruña, Ferrol, Ourense e Vigo, así como correspondencias en Lugo e Pontevedra, apoiadas nunha ampla rede de correspondentes. No exterior, a Radio Galega ten correspondentes en Madrid, Lisboa e Bruxelas.
A Radio Galega é unha empresa de carácter público e o seu orzamento provén de subvencións da Xunta de Galicia, previo acordo entre a CRTVG e o Parlamento de Galicia.

O seu sinal cobre o cen por cento do territorio galego e chega aos oíntes a través de seis emisores e 26 reemisores, que poden ser captados en amplas zonas de Asturias, León, Zamora e Norte de Portugal.

O feito de ser Galicia unha comunidade cunha forte taxa de poboación emigrante fixo que a emisora pública do país crease o Servizo de Radio Exterior, unha iniciativa pioneira entre as radios autonómicas de España, que iniciou a súa andaina o 7 de outubro de 1992.

Algúns apuntamentos da historia da Radio Galega:

  • A Radio Galega é a única emisora de Galicia con total cobertura do seu sinal en todo o territorio da Comunidade Autónoma.
  • A Radio Galega emite a súa portadora con RDS desde 1994, o que permite a rápida localización e identificación do sinal de radio.
  • A Radio Galega conta cun Servizo de Radio Exterior que emite programas en lingua galega en 20 emisoras de nove países desde o 7 de outubro de 1992.
  • A Radio Galega foi a terceira emisora de España e unha das primeiras de Europa en poder ser escoitada en directo a través da rede Internet. Fíxoo o 20 de agosto de 1996.
  • A Radio Galega emite en son estéreo pola Internet desde o día 20 de marzo de 1997 ás 20 horas e 40 minutos. Desde o 10 de outubro de 1997, ofrece a posibilidade de escoitar as emisións en son estéreo ou mono segundo a posibilidade técnica do usuario.
  • A Radio Galega realizou a súa primeira emisión dixital, de xeito experimental, o mércores 16 de abril de 1997 ás 17 horas desde o emisor do monte do Pedroso en Santiago de Compostela.
  • A Radio Galega ofrece programación á carta desde o 28 de setembro de 1997. Desde o 3 de decembro de 1997 a Radio Galega conta cunha cámara web que permite ao usuario ver os estudios da radio.
  • A Radio Galega iniciou as emisións dixitais pola plataforma "Vía Digital" o 16 de xuño de 1998.
  • A Radio Galega iniciou as emisións vía Eutelsat para toda Europa o día 24 de decembro de 1998.
  • A Radio Galega realizou o cambio de imaxe corporativa o mércores día 20 de xaneiro de 1999.
  • A Radio Galega regularizou as súas emisións cara a Europa polo Eutelsat o 29 de xaneiro de 1999.
  • A Radio Galega iniciou as súas emisións regulares cara a América polo satélite Hispasat o 22 de febreiro de 1999.
  • O 23 de abril de 1999, venres, entrou en funcionamento o novo enderezo electrónico da Radio Galega.
  • O 17 de xuño de 1999 iniciou as súas emisións terrestres regulares en dixital (DAB) desde o centro emisor do monte Pedroso en Santiago de Compostela.
  • En abril de 2001, e despois dun pequeno parón (alleo á RG), a Radio Galega reinicia as súas emisións para Europa, a través do satélite Hispasat.
  • A segunda enquisa do EGM da temporada 2002-2003 sitúa á Radio Galega como a segunda emisora máis escoitada de Galicia, cunha media de 142.000 oíntes diarios.
  • O 3 de marzo de 2004 Radio Galega Música comeza a emitir en FM, dixital, Internet e TDT (Televisión Dixital Terrestre).A nova canle Son Galicia Radio bota a andar o 17 de maio de 2004 emitindo a través de Internet e da TDT

Historia da Televisión de Galicia

Publicado el 12/01/2011 18:49:00

A TVG iniciou as súas emisións o 24 de xullo de 1985, véspera do Día de Galicia, desde as súas instalacións de San Marcos na parroquia de Bando, no Concello de Santiago de Compostela. A súa programación regular comezou o 29 de setembro de 1985 con 39 horas de emisión á semana.

En 2002 a TVG emitiu un total de 8.760 horas, das que o 69,6% foron de produción propia. A TVG foi a primeira canle autonómica do estado español que emitiu regularmente vía satélite. Fíxoo co programa "Galeguidade" o 29 de decembro de 1994.

A TVG emitiu por primeira vez a través da rede de fibra óptica de telefonía o 25 de novembro de 1994; foi dende Silleda e ofreceulle aos seus espectadores imaxes do IV Salón da Enerxía e Desenvolvemento Rural.

A TVG emitiu por primeira vez na súa historia en sistema NICAM-Dual-Estéreo para toda Galicia a principios de 1995.

A Televisión de Galicia emitiu por primeira vez un teletexto en galego o 11 de outubro de 1995, iniciando as súas emisións regulares o 15 de decembro de 1995.

A TVG emitiu por primeira vez en sistema Pal Plus, a pantalla de formato longo, coma a do cinema (16 :9), en outubro de 1995. Fíxoo co apoio da Unión Europea a través do Plano de Acción para Servizos Avanzados de TV.

A TVG realizou por primeira vez a gravación dun programa en formato Pal Plus (16/9), no Torneo Campión de Campións de squash celebrado en Santiago de Compostela os días 28 e 30 de novembro de 1996.

A marca de audiencia da TVG produciuse o sábado 7 de decembro de 1996 durante a transmisión do encontro de fútbol entre o Real Madrid e o Barcelona. O chamado "partido do século" foi seguido a través da canle autonómica por 745.000 espectadores.

A TVG iniciou as súas emisións regulares cara a América vía satélite a través da canle Galeusca o día 31 de decembro de 1996 ás 14 horas locais.

A TVG asinou o 14 de febreiro de 1997 un acordo de colaboración coa cadea CNN para enviar información sobre Galicia e para a inclusión na programación das súas emisións vía satélite.

A TVG iniciou a emisión da súa propia canle vía satélite cara a América o 1 de abril de 1997 ás 17 horas.

O día 21 de xullo de 1997 iniciou o seu funcionamento en probas o novo control central robotizado da TVG.

A TVG iniciou as súas emisións regulares pola Internet en Tempo Real ás cero horas do día 17 de maio de 1997, Día das Letras Galegas, sendo a primeira de Europa e a sétima do mundo en ofrecer esta posibilidade.

A TVG estreou a súa primeira mediametraxe o 17 de maio de 1997. Baixo o título "O Tesouro", fixo unha adaptación da obra de Ánxel Fole en formato Pal Plus.

A TVG iniciou as súas emisións pola plataforma "Vía Digital" o 15 de setembro de 1997.

A TVG iniciou a emisión do Televídeo para a canle Galicia TV-América o día 18 de novembro de 1997.

A canle autonómica iniciou as emisións para Europa en dixital o día 7 de marzo de 1998 a través do satélite Eutelsat Hod Bird-3.

O día 7 de xullo de 1998, ás 21 horas e 27 minutos, realizou a primeira conexión de satélite cunha unidade móbil de enlaces propia. Sería na emisión do "Telexornal Segunda Edición" desde a Expo de Lisboa.

A TVG iniciou as súas emisións regulares cara a Europa polo Eutelsat Hot Bird-3, o día 1 de decembro de 1998.

A TVG iniciou emisións cara a América a través do satélite Hispasat o 1 de decembro de 1998.

A TVG cambiou a súa imaxe corporativa o mércores día 20 de xaneiro de 1999.

A TVG regularizou as súas emisións cara a Europa polo Eutelsat o 29 de xaneiro de 1999.

O 23 de abril de 1999, venres, entrou en funcionamento o novo enderezo electrónico da TVG: http://www.tvg.es

En abril do 2001, e despois dun pequeno parón (alleo á TVG), a Televisión de Galicia reinicia as súas emisións para Europa, a través do satélite Hispasat.

A TVG comezou a emitir con tecnoloxía dixital terrestre desde os Centros Emisores de Pedroso (Santiago), A Bailadora (Ares-Ferrol), Domaio (Moaña) e Tomba (Pontevedra), en marzo de 2002.

TVG e Panasonic asinan -maio 2002- o acordo de adxudicación da dixitalización para os Servizos Informativos, na que se inclúe o subministro de máis de 200 equipos de DVCPRO50, así como unha rede de servidor con estacións non liñais para informativos.

En xaneiro de 2003, a TVG presenta o seu Plano de Cine, TV Movies, Series e Programas para Televisión de Galicia, S.A., do 2003, co que se establece un concurso público de petición de ofertas para a realización de produtos audiovisuais. A TVG é a única canle de televisión en España que desenvolve este tipo de concorrencia pública de ofertas para produtos audiovisuais.

O 24 de marzo de 2004 a TVG pon en marcha un novo sistema de automatización do seu estudio de continuidade.

Na actualidade a TVG emite con tecnoloxía dixital desde máis de corenta centros emisores e reemisores que lle facilitan unha cobertura próxima superior ó 85% da poboación, cobertura que acadará o 98% en abril de 2010.

Historia da web

Publicado el 12/01/2011 18:51:00
  • A TVG navegou por primeira vez pola rede INTERNET en xullo de 1995. Os telexornais da TVG e da Radio Galega, datos das dúas empresas e un vídeo, ofrecéronselles aos usuarios desta rede en todo o mundo.
  • A CRTVG conta desde o 25 de xullo de 1996 cun servidor propio en Internet, sendo unha das primeiras empresas públicas de comunicación en ter presenza na rede.
  • O servidor Internet da CRTVG é o que proporciona a difusión da información, da programación e do correo das canles internacionais de Televisión Galicia TV, da TVG e da Radio Galega.
  • A Radio Galega foi a terceira emisora de España e unha das primeiras de Europa en poder ser escoitada en directo a través da rede Internet. Fíxoo o 20 de agosto de 1996.
  • O servidor da Internet da CRTVG foi designado o 24 de xaneiro de 1997 finalista ao premio Mellor Servidor de Europa pola empresa Europe OnLine.
  • A Radio Galega emite en son estéreo por Internet desde o día 20 de marzo de 1997 ás 20 horas e 40 minutos.
  • O servidor da CRTVG foi elixido como WEB recomendada por Galicia Online pola súa calidade, deseño, defensa do galego e promoción do país o día 17 de abril de 1997.
  • O servidor da CRTVG iniciou as súas emisións experimentais de televisión por Internet o día 24 de abril de 1997.
  • O servidor da Internet da CRTVG ofreceu por primeira vez vídeos entre os seus contidos o 25 de abril de 1997. As gravacións realizadas foron unha entrevista a Ánxel Fole, un vídeo-clip do Xabarín Club e un vídeo de promoción da CRTVG, a Televisión de Galicia e a Radio Galega.
  • O servidor da Internet da CRTVG iniciou as emisións regulares de televisión en tempo real ás cero horas do día 17 de maio de 1997, coincidindo co Día das Letras Galegas, sendo a primeira televisión de Europa e a sétima do mundo en emitir en tempo real pola rede Internet.
  • O servidor WEB da CRTVG recibiu o premio MIDIA 97 á innovación tecnolóxica o xoves 26 de xuño de 1997.
  • A WEB da CRTVG recibiu no mes de xullo, o premio Galicia Hoxe de Radio Colonia de Buenos Aires, polo labor desenvolvido en prol da difusión de Galicia no mundo.
  • O día 24 de xullo de 1997 comezou a ser operativa a cámara móbil instalada na Praza do Obradoiro, primeira deste tipo de España, sendo nestes intres a cuarta cámara máis visitada en Internet segundo a Web Guiar de Argentina.
  • A WEB da CRTVG puxo en marcha a súa segunda cámara web que transmite desde o día 10 de novembro de 1997 a imaxe do Estudo 4 de continuidade da Radio Galega.
  • A WEB da CRTVG recibiu o 19 de decembro de 1997, o premio Galicia de Comunicación polo labor de difusión da imaxe de Galicia no mundo.
  • O servidor da Internet da CRTVG puxo en marcha o proxecto de realidade virtual o 9 de xaneiro de 1998, sendo o primeiro deste tipo que se desenvolve en España e que permite realizar unha visita ás instalacións da radio e televisión de Galicia.
  • A WEB da CRTVG foi designada o 23 de xaneiro de 1998, gañadora do premio Nuevos Lenguajes de Periodismo da Fundación Coca-Cola España.
  • A páxina da Internet da CRTVG foi elixida o día 21 de febreiro de 1998, gañador do premio Irmandade do Libro pola Federación de Editoriais de Galicia polo fomento do libro galego a través da rede.
  • A WEB da CRTVG cambiou o seu deseño de páxina, o 26 de maio de 1998 introducindo o sistema Dhtlm, ademais incorporou o servizo de noticias de Galicia da axencia Europa Press.
  • O 24 de xuño de 1998 o WEB da CRTVG recibiu o Premio Galicia de deseño 1998, outorgado pola empresa Lugo-com ás mellores webs galegas.
  • O servidor da Internet da CRTVG superou o día 28 de febreiro de 1999 os 35.000.000 accesos desde a súa posta en marcha o 25 de xullo de 1996, converténdose na WEB que máis accesos ten de Galicia.
  • A WEB da CRTVG lanzou o 21 de decembro de 1998 a canle mosaico, iniciativa pioneira tendente a potenciar as webs galegas.
  • A segunda cámara web que ofrece imaxes da Porta Santa e da Catedral de Santiago entrou en funcionamento o día 28 de decembro de 1998.
  • O 18 de xaneiro de 1999 ampliouse o ancho de banda do servidor a 2 megas.
  • A segunda cámara web situada na Praza da Quintana foi mellorada o venres 5 de marzo, sendo dotada de movemento.
  • A terceira cámara web situada na Praza das Praterías comezou a emitir na rede o xoves 8 de abril de 1999.
  • O 23 de abril de 1999, venres, entraron en funcionamento os novos enderezos electrónicos da TVG e da Radio Galega.
  • O 5 de maio de 1999 entrou en funcionamento o novo servidor da CRTVG.
  • O 17 de maio de 1999 lanzáronse as novas versións da web da CRTVG en castelán e inglés. Coincidindo con esta data lanzouse o apartado do Camiño Francés en Galicia con vídeo, imaxes e fotografía inmersiva.
  • Dúas novas cámaras webs no interior da catedral puxéronse en marcha o día 1 de xuño de 1999.
  • O primeiro de xullo de 1999 iníciase a sección do tempo e a actualidade diaria da páxina central da web. O 1 de setembro de 1999 lánzase a sección "Recomendámoslle" tendente a promocionar as distintas seccións da web.
  • O 18 de outubro de 1999 emítese por primeira vez en tempo real pola Internet en colaboración co Consello da Cultura Galega unha conferencia do profesor Armand Mattelart.
  • A revista "La Red" do mes de novembro de 1999 considera a web da CRTVG coma unha das vintecinco que fixeron historia en Internet en España.
  • O 26 de xaneiro de 2000 ás 10:30 dona Ana Botella, esposa do Presidente do Goberno, inaugurou a cámara web situada en Fisterra.
  • O 4 de febreiro de 2000 ás 12:30 Peter A. Freeman, Director de Georgia Institute of Technology inagurou as cámaras do Cebreiro e da estación invernal de Cabeza de Manzaneda.
  • O 10 de febreiro de 2000 ás 17:30, Homero Aridjis, Presidente do Pen Club Internacional, inaugurou a cámara web de Ferrol.
  • O 2 de marzo de 2000 ás 17:00, Mario Vargas Llosa inaugurou dúas cámaras web situadas na Coruña, unha dotada de mobilidade e outra fixa, outra cámara en Lugo, outra no monte Pedroso con vistas a Santiago de Compostela, unha en Pontevedra e outra en Vigo.
  • O 22 de marzo de 2000 ás 17:00, Adolfo Pérez Esquivel, Premio Nobel da Paz, inaugurou unha cámara web en Vigo dotada de mobilidade.
  • O 22 de marzo de 2000 ás 17:15, Federico Mayor Zaragoza inaugurou as novidades literarias.
  • O 19 de maio de 2000 ás 18:30 horas, a web da CRTVG puxo a funcionar a primeira web cam móbil do mundo, que desde un helicóptero ofreceu imaxes da cidade da Coruña co gallo do partido final da liga de fútbol 99/00 que gañou o Deportivo.
  • O 8 de xuño de 2000 ás 17:00 horas, a web da CRTVG puxo a funcionar unha nova cámara web no centro de Lugo e outra cámara móbil no Parador de Baiona.
  • O 28 de xullo de 2000 comezaron a funcionar as cámaras web de Tui e de Sanxenxo.
  • O 9 de agosto de 2000 púxose a funcionar un dicionario de galego.
  • O 6 de outubro de 2000 a web da CRTVG superou os 100 millóns de visitantes desde a súa posta en marcha.
  • O 15 de abril de 2001 a web da CRTVG superou os 200 millóns de visitantes desde a súa posta en marcha.
  • O 3 de maio de 2001 a CRTVG presenta máis de 100.000 páxinas de novos contidos.
  • O 24 de agosto de 2001 a CRTVG puxo a funcionar unha nova cámara web no Pavillón Náutico do Grove.
  • O 8 de outubro de 2001 a Comisaria Europea Loyola de Palacio inaugurou o Punto de Información ao Cidadán coas cámaras web da CRTVG.
  • O 1 de marzo de 2002 comeza a emisión da TVG a través de Internet mediante a tecnoloxía Windows Media, engadindo ao servizo xa existente a codificación para conexións de banda ancha.
  • O 11 de decembro de 2002, a web da Compañía de Radio-Televisión de Galicia é escollida como a mellor do ano na categoría Medios de Comunicación de Yahoo! en català.
  • A CRTVG presentou o 25 de xullo de 2003, Día de Galicia, a nova imaxe de www.crtvg.es e puxo en funcionamento a cámara web da Guarda. Engadiuse ademais o apartado de "Persoeiros", coas biografías dos galegos que salientaron nos seus ámbitos.
  • O 25 de setembro de 2003, a cámara web de Verín engadiuse ás xa existentes.
  • O 20 de outubro de 2003 comezaron a ofrecer imaxes a cámara de Ourense móbil e a de Celanova.
  • O 11 de marzo de 2004 iníciase a emisión en directo a través de Internet da canle dixital Radio Galega Música.
  • As imaxes transmitidas polas cámaras de Redondela e da Rúa están presentes na rede dende o 22 de marzo de 2004.
  • Ortigueira conta cunha cámara web na Alameda dende o 11 de outubro de 2004.
  • A TVG incorporouse o día de fin de ano de 2004 a unha nova plataforma de distribución de televisión parella á banda ancha de Internet. Trátase da inclusión das emisións da canle internacional Galicia Televisión en Imagenio.
  • Coa cámara de Portonovo, que comezou a funcionar o 31 de marzo de 2005, son xa 35 as cámaras web que a CRTVG ten por toda Galicia.
  • A CRTVG presentou o 24 de xullo de 2005 un novo deseño de www.crtvg.es.
  • O 25 de setembro de 2006 a CRTVG presentou o deseño actual de www.crtvg.es, de acordo co cambio integral da súa imaxe corporativa. Nesta nova etapa, o portal da Galega presenta unha extensa oferta de radio e televisión á carta.
  • O 9 de xullo de 2007 nace a primeira páxina informativa da CRTVG: www.agalega.info, que permite acceder ás noticias dos informativos, tanto da TVG coma da Radio Galega

Historia do Teletexto

Publicado el 12/01/2011 18:51:00

O Teletexto da CRTVG emitiu nos seus dous primeiros anos un total de 80.000 páxinas. Esta cantidade fai que se cree un Teletexto completamente novo cada tres días.

O Teletexto galego é o segundo en número de páxinas de todos os existentes no Estado, aínda que o primeiro en volume de información de utilidade, dado que o teletexto con máis páxinas pertence a unha canle privada que o supera por ter contidos publicitarios.

O servizo galego de Teletexto é o único de España con especial atención ao mundo da cultura, turismo, educación e servizos xerais como Diario Oficial, axenda cultural..., etc.

O Teletexto da CRTVG é o único do mundo que conta cunha sección educativa que abrangue desde o bacharelato para adultos, pasando por idiomas, universidade ou preescolar na casa.

O Teletexto da CRTVG, o primeiro da historia en lingua galega, é o único que conta cunha sección de xordos realizada e deseñada integramente por este colectivo. Esta iniciativa pioneira foi posible grazas á colaboración da Fundación ONCE coa Federación de Xordos do País Galego.

O Teletexto galego é o único de Europa que ten unha sección interactiva, o que permite solicitar información referente a 15 seccións distintas cun total de 400 páxinas.

O Teletexto da CRTVG iniciou a emisión de novas o día 24 de xullo de 1998, véspera do Día de Galicia.

A CRTVG iniciou as emisións do Teletexto por Vía Digital o día 11 de novembro de 1998.