A Compañía

A Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) foi fundada en 1985 e está situada en Santiago de Compostela, capital de Galicia. A misión primeira da Compañía é mellorar e normalizar o uso da nosa lingua oficial, o Galego, e promover a nosa cultura, a través da Televisión de Galicia (TVG) e da Radio Galega (RG). Os seus orzamentos son sostidos principalmente polo Goberno autónomo de Galicia, e tamén por publicidade.

A TVG transmite as 24 horas do día en dúas canles dixitais terrestres e dúas canles de satélite para América e Europa. A cadea chega a case 4 millóns de persoas no noroeste de España (cubrindo Galicia e os territorios circundantes) e o Norte de Portugal. As grellas de programación abranguen noticias, concertos, programas culturais, contidos infantís, concursos, xogos, series, filmes, debates e deportes. Destes espazos, máis do 60% é de produción feita con recursos propios.

Os medios técnicos inclúen 4 unidades móbiles, 10 salas de posprodución de vídeo e 4 estudios, en tanto que a propia rede de produción ten a mellor cobertura técnica da Comunidade Autónoma.

As 3 canles da Radio Galega ofrecen información, música e programación especial para que os nosos oíntes sexan os primeiros en estar ao día. As emisións de radio incentivan a interacción co público a través das tecnoloxías da información máis innovadoras. A Radio Galega ten un papel primordial na promoción da música de Galicia e isto repercute na apertura dos nosos estudios para producir discos e concertos de música en directo.

A empresa no seu conxunto ten preto de mil empregados no seu centro de produción central xunto a 4 delegacións nas principais cidades de Galicia e unha máis en Madrid.

CRTVG é un dos membros fundadores de FORTA, a federación das radios e televisións autonómicas de España, da que forman parte 13 cadeas.