“ZigZag Diario” da tvG2 chega á súa edición número 500
Para celebrar esta data tan especial, o espazo cultural recibe un dos grandes mestres da narrativa galega contemporánea, o escritor Xosé Neira Vilas
Santiago, 25.06.2012.- Na súa última semana de emisión desta tempada, o espazo cultural “ZigZag Diario” da tvG2 chegou este luns, 25 de xuño, ao programa número 500 e para celebralo terá como convidado un dos grandes mestres da narrativa galega contemporánea, o escritor Xosé Neira Vilas, quen acaba de sumar un novo título á súa longa traxectoria literaria, “Esperando o leiteiro”. A través dun monólogo sen interrupcións, o escritor evoca as vivencias dun mozo de 19 anos que na década dos 50 vai marchar para as Américas empurrado polos que estaban alá e pola escaseza do que tiña aquí.
Outras novidades literarias que presentará esta tarde o programa da tvG2 serán “Inflamable”, un libro de poemas pouco común, irreverente e iconoclasta, a cargo de Samuel L. Paris; e “A fraternidade do dragón”, a terceira parte da triloxía fantástica “Dragal”, da escritora e xornalista Elena Gallego, que narra a historia do último dragón galego.
Ademais, “ZigZag Diario” farase eco do Premio Nacional de Edición, na categoría de libro infantil e xuvenil, que conseguiu a editorial pontevedresa Kalandraka con “Kipling ilustrado”, un libro que reúne sete relatos do escritor británico ilustrados por outros tantos artistas. A obra xurdiu dunha exposición organizada polo Museo Valenciano da Ilustración e da Modernidade, coincidindo co 75 aniversario da morte de Rudyard Kipling.
Desde a súa estrea, en xaneiro de 2010, “ZigZag Diario” intenta achegar, de luns a venres, a actualidade da escena, do cine, dos libros, da música, da arquitectura, do deseño, da moda, en fin, de todo o vasto mundo da cultura feita en Galicia, ou feita fóra da nosa terra pero que poida ser de interese para os espectadores.
Cada día, a xornalista e escritora María Solar conduce este informativo diario cultural que pretende darlle á cultura unha dimensión de universalidade; de que sexa unha cultura de todos e para todos presentada nunha linguaxe sinxela.
