"Sinbad", a película inspirada na obra de Álvaro Cunqueiro e coproducida por TVG e Ficción, poderá verse en cines a partir deste venres

25/10/2011 23:59
"Sinbad", a película inspirada na obra de Álvaro Cunqueiro e coproducida por TVG e Ficción, poderá verse en cines a partir deste venres

Na presentación da longametraxe en Vigo, “Pico” Olveira declarouse "un privilexiado" por dar vida ao personaxe

A adaptación da obra "Se o vello Sinbad volvese ás illas", dirixida por Antón Dobao, tamén participará en diversos festivais de cine 

 A directora de TVG, Rosa Vilas, subliñou a importancia de prestar apoio ao sector audiovisual "nestes tempos tan duros"

 

Vigo, 25.10.2011 (Efe).- A Televisión de Galicia e Ficción Producciones estrean hoxe a longametraxe "Sinbad", adaptación cinematográfica da obra de Álvaro Cunqueiro "Se o vello Sinbad volvese ás illas", dirixida por Antón Dobao e con Xosé Olveira "Pico" como protagonista.

Completan o reparto Sara Casasnovas, Mariña Sampedro, Luís Castro Zahera, Laura Ponche, Manolo Cortés, César Cambeiro, Antonio Durán "Morris", Mariña Carballal e Camila Bossa, e conta coas colaboracións especiais de Miquel Ínsua e Mela Casal.

"Sinbad" narra a historia dun vello mariñeiro que rememora, en conversacións con viaxeiros de todo o mundo, un pasado cheo de aventuras que soña con retomar, nun relato característico o realismo máxico de Cunqueiro onde o pasado e o presente se entrelazan constantemente.

O lugar elixido para a primeira proxección é o Museo do Mar de Vigo, cidade onde Cunqueiro, cuxo centenario celebra Galicia, estableceuse o mesmo ano que viu a luz a obra da que parte o guión, adaptado para levalo á gran pantalla e ambientado en diversos escenarios de Ribeira, Compostela e Ames.

A partir do próximo venres, 28 de outubro, "Sinbad" poderase ver en seis salas comerciais da comunidade autónoma, e a comezos de novembro fará unha xira por unha vintena de salas e auditorios.

Así mesmo, terá presenza nunha vintena de festivais de cinema, segundo avanzou en rolda de prensa Mamen Quintas, produtora executiva.

Antón Dobao, director da cinta, de 90 minutos de duración, explicou que a súa é unha "interpretación como lector" do "Sinbad" de Cunqueiro, en que "non hai fronteiras entre realidade e ficción", con "certa ousadía" pero "desde o respecto que merece un dos mellores escritores de Europa do século XX", apostilou.

Dobao admitiu a "dificultade de adaptarse" á dimensión espazo-temporal do relato de Cunqueiro, cuxo centenario cre que "debería ser máis celebrado", e resaltou o peso específico da palabra nunha película con "un ritmo pausado".

O fillo do autor de "Se o vello Sinbad volvese ás illas", César Cunqueiro, ratificou que a prosa de seu pai está caracterizada pola "supresión radical de tempo e espazo" no que veu denominar como "textos paradisíacos", en que desaparece "a lóxica do argumento" para dar paso á "lóxica das imaxes".

César Cunqueiro advertiu de que "un dos perigos" de adaptar os textos de seu pai ao cinema é "cinguirse á súa literalidade", e polo tanto defendeu "certa independencia" do director no traballo de adaptación.

O actor principal, Xosé Olveira "Pico", declarouse "un privilexiado" por dar vida na pantalla a "Sinbad", ao que xa encarnou en 1999 co Centro Dramático Galego nunha adaptación teatral asinada por Quico Cadaval.

Sinalou que cada adaptación é diferente e, por tanto, cada interpretación tamén, pero que ao cabo "as palabras e ese mundo de fantasías de Cunqueiro son os mesmos" e representan "un reto complicado pero á vez suxestivo".

Rosa Vilas, directora da Televisión de Galicia, destacou, pola súa parte, que o Museo do Mar e Vigo son "o lugar idóneo" para dar o tiro de saída a "Sinbad", e incidiu na importancia de prestar apoio ao sector audiovisual "nestes tempos tan duros".

Galería de imaxes

Compartir en Facebook
Valoración