“Vilamor” acada dous premios no Festival de Cine Internacional de Nova York

20/08/2012 12:00
“Vilamor” acada dous premios no Festival de Cine Internacional de Nova York

A produtora da longametraxe, Vía Láctea Films, recolleu os galardóns á Mellor fotografía e á Mellor Banda Sonora

 

A película, participada pola TVG, está ambientada na década dos 70 e baseada en feitos reais 

 

Santiago, 20.08.2012.- “Vilamor”, película participada pola TVG, resultou gañadora de  dous premios no Festival Internacional de Cine de Nova York. A produtora da longametraxe, Vía Láctea Films, foi a encargada de recoller os galardóns á Mellor Fotografía, obra de Alberto Díaz Bertitxi, e á Mellor Banda Sonora, composta por Zeltia Montes

“Vilamor”, que participou na sección oficial ao carón doutros 23 títulos, está  ambientada na década dos setenta e baseada en feitos reais, para amosar a realidade das zonas rurais galegas, así como a cultura e as tradicións do país. 

Na longametraxe, a acción transcorre en 1976 cando Breixo, un rapaz seminarista dunha vila das montañas de Lugo, atópase cunha comuna na aldea de Vilamor. Seducido pola idea dun estilo de vida alternativo, decide axudar o grupo que acaba de chegar para recuperar a aldea, fronte a veciños que parecen non compartir este soño de liberdade.  

A recentemente galardoada “Vilamor” ten por diante 90 presentacións pendentes en Galicia e distribuirase amais nos Estados Unidos e en Canadá.

Na foto superior, o equipo principal de "Vilamor", na xornada inaugural do Festival de Cine de Nova York.

 

Compartir en Facebook
Valoración