Vázquez Taín desvela na RG que se atopou a maleta onde o principal acusado de roubar o Códice Calixtino gardaba máis cartos
O programa "Galicia por Diante" ofreceu unha entrevista de media hora co xuíz instrutor do caso
Aínda sen concretar a cifra exacta, o diñeiro procedería da venda doutros obxectos subtraídos da Catedral compostelá
Santiago, 09.07.2012.- O xuíz José Antonio Vázquez Taín desvelou esta mañá na Radio Galega que a policía atopou a maleta onde o principal acusado de roubar o Códice Calixtino gardaba máis diñeiro procedente da venda de obxectos subtraídos da Catedral compostelá.
Nunha entrevista no programa "Galicia por Diante", o maxistrado que instrúe este caso non concretou a cifra dos cartos recuperados. Falouse de 600 mil euros por unha razón: é a cifra que figura nun libro contable no que Manuel Fernández anotaba minuciosamente cada ingreso. En todo caso, Vázquez Taín asegurou que mañá se recontará o diñeiro nunha entidade bancaria e despois darán a coñecer a cifra exacta.
Ao longo dos 30 minutos de entrevista, o maxistrado foi respostando a todas as preguntas, dúbidas e polémicas arredor deste roubo. De todas as hipóteses que se fixeron sobre quen podía estar detrás do roubo, o xuíz descartou que fose unha organización criminal. O que si confirmou é que houbo ofertas de compra, pero que o agora detido non fixo ningún movemento que dese pistas de que estaba en posesión do Códice. Vázquez Taín tamén expresou o seu convencemento de que a familia de Manuel Fernández non sabía que tiña esta xoia do medievo.
