FM, Tu Mujer nos Engaña, Irmandades do Falo e As Maianas, gañadores da terceira edición de “Vas sacar nota?”
Como ramo final, este sábado a Radio Galega achegará un concerto especial desde o concello da Veiga
Santiago, 22.08.2012.- O certame da Radio Galega "Vas Sacar Nota?", iniciativa coa que a emisora autonómica aposta pola creación musical en Galicia, xa ten desde esta mañá gañadores para as catro categorías convocadas na súa terceira edición. O Premio do Público recaeu en “Malo Será”, do grupo FM; o Premio Sáeseme (sms) foi para “Danos licor café”, de Tu Mujer nos Engaña; “Carnicería Generosa”, da formación Irmandades do Falo, acadou o Premio Telefonazo, e o Premio do Druídas (do xurado) conseguiuno As Maianas, co seu tema “Xa te olvidaches de min”.
Os membros do xurado valoraron sobre todo que a canción "fose pegadiza, con ritmo e calidade vocal", segundo aclarou Eva Perales no programa "Aquí Galicia" da emisora pública galega. "Foi unha escolla difícil. O xurado quixo premiar desta volta a música tradicional ou os cantos de taberna, tamén moi "do verán" nas festas de Galicia".
Os premios para os gañadores consisten en actuacións en directo na rede de concertos da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e nun dos programas da Televisión de Galicia. Tamén terán a posibilidade de gravar unha maqueta nas instalacións da Radio Galega.
Concerto especial desde A Veiga
A Radio Galega, a través do programa "Somos Quen", poralle o ramo final ao certame cunha viaxe ao concello ourensán da Veiga este sábado, 25 de agosto, para realizar o concerto especial do concurso “Vas Sacar Nota?”.
Serán tres horas de música (desde as 23.00h ás 02.00h), nas que actuarán os catro gañadores do concurso musical, o trío humorístico Cada Día Peor e o grupo La Comandancia, como convidado.
Na xornada dominical o equipo do programa "Somos Quen" fará ademais un programa especial desde a Veiga.
“Vas Sacar Nota?” conta co patrocinio da AGADIC e coa colaboración de Blusens e Estrella Galicia.
