Sanidade promove un novo ciclo de cinema para concienciar sobre o estigma da enfermidade mental nas sete cidades

10/02/2012 14:29
Sanidade promove un novo ciclo de cinema para concienciar sobre o estigma da enfermidade mental nas sete cidades

A Xunta asegura que un cuarto da poboación que acode a centros sanitarios con patoloxías padece algún tipo de enfermidade mental.
 
A CRTVG apoia esta iniciativa e colabora no desenvolvemento do Proxecto Nise.

Santiago, 10.02.2012 (Europa Press).- A segunda edición do Proxecto Nise, en que é partícipe a CRTVG, comezará o próximo luns, día 13 de febreiro, nas sete cidades galegas coa posta en marcha do ciclo de cinema 'Nos vieiros da mente' que pretende proporcionar aos asistentes información sobre as diferentes enfermidades mentais e loitar contra a estigmatización das persoas con este tipo de patoloxías.

Así o anunciou este venres a xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), María Nieves Domínguez González, nunha rolda de prensa en que tamén participou o director de Asistencia Sanitaria do mesmo departamento, Félix Rubial Bernárdez.

Segundo explicou María Nieves Domínguez, o ciclo consta dun total de 72 exposicións de películas con temáticas relacionadas coa psiquiatría e realizarase nas cidades de  Santiago, Ferrol, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense.

En concreto, as obras escollidas este ano son 'Requiem por un sueño', 'Shine', 'Bicicleta,  cuchara, manzana', 'Elling', 'Locos de amor', 'Two lovers', 'El Borracho', e 'El maquinista', que abordan diferentes temas como a adicción a drogas, as psicoses, a enfermidade do Alzhéimer, a rehabilitación psicosocial, a síndrome de Asperger, o trastorno bipolar, o suicidio, o alcoholismo e os trastornos do sono.

Precisamente, para proporcionar aos asistentes a información sobre as diferentes enfermidades mentais, antes das películas emítese o anuncio 'One in four', cedido polo Royal College of Psychiatrist do Reino Unido e o Manifesto de Oviedo contra o estigma da enfermidade mental.

Ademais, conforme detallou a xerente do Sergas, todas as proxeccións e as patoloxías abordadas son comentadas por profesionais de saúde mental e outros profesionais sanitarios.

Proxecto Nise

María Nieves Domínguez explicou que no ciclo colaboran NovaCaixaGalicia, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, Feafes Galicia, e a CRTVG, en virtude do convenio de colaboración asinado en maio de 2011 para o desenvolvemento do Proxecto Nise.

Segundo apuntou, este proxecto, levado a cabo pola Consellería de Sanidade, ten como fin sensibilizar os cidadáns respecto da enfermidade mental; ofrecer información,  formación e educación sanitaria a familiares e persoas con trastornos mentais; e mellorar o tratamento informativo da enfermidade mental por parte dos medios de comunicación.

Dentro das actividades desta iniciativa programadas para o primeiro trimestre do ano, tamén se levará a cabo un taller sobre conduta suicida, en colaboración con Feafes Galicia e a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, nas sete cidades galegas.

Profesionais da Comunicación

Como novidade, explicou a xerente do Sergas, este ano realizaranse talleres específicos para profesionais dos medios de comunicación, co obxectivo de garantir un correcto tratamento informativo das enfermidades mentais e dos trastornos aditivos.

Outra actividade nova serán os talleres sobre manexo da enfermidade mental en réxime residencial, co que se pretende formar o persoal das residencias de Galicia nos coidados do paciente con trastorno mental.

Máis de 17.000 asistentes

A xerente do Sergas recordou que nas 112 actividades programadas en virtude deste proxecto durante 2011 participaron máis de 17.000 persoas.

A este respecto, destacou a importancia de sensibilizar a poboación sobre o estigma da enfermidade mental, unha patoloxía que afecta a un cuarto da poboación que acode a centros sanitarios.

Compartir en Facebook
Valoración