Pachi Vázquez di na Radio Galega que sería unha "falta de respecto" se ex-directivos de caixas comparecen no Congreso e non no Parlamento
No espazo "A Entrevista," o secretario xeral do PSdeG asegurou que "sería unha insensatez" que un banco en que se inxecta diñeiro público "fose poxado a outro privado por un euro"
Santiago, 17.05.2012 (Europa Press).- O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, considerou unha "falta de respecto aos galegos" que os ex-directivos das caixas galegas vaian comparecer no Congreso dos Deputados e non no Parlamento de Galicia. Deste modo pronunciouse o líder dos socialistas galegos nunha entrevista concedida á Radio Galega que recolle Europa Press, e en que se referiu á decisión tomada pola Comisión de Economía da Cámara Baixa de citar a declarar os dirixentes das antigas caixas Caixanova e Caixa Galicia.
"E doloroso ver comparecer os dirixentes no Congreso e non no Parlamento de Galicia", asegurou Pachi Vázquez antes de sinalar que os galegos "necesitan unha explicación" pois "hai unha grande alarma social". Para o secretario xeral dos socialistas galegos "é moi doloroso" ver como "alguén levou 15 millóns de euros" e "non ten que dar ningún tipo de explicación". "Isto non é unha persecución nin unha vinganza, é o que se ten que facer", asegurou.
NOVAGALICIA BANCO
Preguntado sobre o futuro de Novagalicia Banco, Pachi Váquez indicou que "sería unha insensatez" que unha entidade financeira en que se inxecta diñeiro público "fose poxada a un banco privado por un euro", polo que considerou que NCG "ten que ser público mentres que o seu capital social estea neste conxunto de accionistas".
Así mesmo, recordou que "o 93 por cento da titularidade de Novagalicia Banco é pública" polo que tras a inxección dos "4.500 millóns de euros" que Novagalicia Banco necesita para sanearse "será ao 100 por cento pública". Precisamente, sobre o diñeiro que necesita a entidade criticou que "o Banco de España lle dea 19.000 millóns de euros a Bankia" e "non teña previsto poxala" mentres que "se quere poxar Novagalicia Banco".
Con todo, polo momento, sinalou que "lonxe de ser un drama" que o Banco de España sexa o dono de NCG "é unha garantía para os que teñen os seus depósitos nel" pois "quen responde é o Goberno". Por último, sobre a posibilidade de que a Xunta achegase diñeiro á entidade financeira, Vázquez apuntou que "cando o capital que hai que inxectar é de 8.000 millóns" e o "presuposto da Xunta alcanza os 9.000 un fracaso faría caer o Goberno".
PREFERENTES
Por outra banda, preguntado sobre unha posible solución aos problemas derivados das participacións preferentes, o socialista recordou que "só hai problemas" con estes activos "en Galicia" pois en toda España "as houbo" e "todas as entidades resolveron o seu problema menos Novagalicia Banco".
Por iso, avogou por "sanear" as preferentes a través de "trocos por accións ou depósitos" e para que "a moita xente que foi enganada" non vexa como "aínda que a banca está saneada pero o seu problema non se pode pagar".
