Os tres centros educativos gañadores do concurso “Nós Tamén Creamos!” recolleron esta tarde os premios en Santiago
Dada a alta calidade das curtas de animación presentadas, o xurado concedeu amais catro mencións especiais
Santiago, 21.06.2012.- O auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea, en Compostela, acolleu esta tarde a entrega de premios ás curtas de animación en galego realizadas coa técnica stop-motion, no marco do programa de dinamización lingüística “Nós Tamén Creamos!”. O acto, conducido pola actriz Uxía Blanco, contou coa presenza de Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Rosa Vilas, directora-xerente da TVG; Marcos López, coordinador da área audiovisual de OQO editora; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Manuel Corredoira, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e Rebeca Domínguez, concelleira delegada de Educación e Normalización Lingüística de Compostela.
Ao certame “Nós Tamén Creamos!”, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) e con OQO editora, concorreron máis de 60 curtas de animación realizadas en 50 centros galegos de educación de infantil e primaria, por alumnos con idades comprendidas entre 3 e 9 anos. Para a confección das curtametraxes de animación implicáronse máis de 200 docentes que recibiron formación específica na técnica stop-motion.
Os tres centros gañadores, CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños (A tartaruga que quería durmir), CPI Santa Lucía de Moraña (Lobo Feroz) e CEIP Felipe de Castro de Noia (A máscara do león), recibiron como premio cadansúa pantalla de plasma de alta definición, cadanseu lote de libros de OQO editora e máis diplomas acreditativos.
Pola alta calidade dos traballos, catro centros educativos obtiveron a maiores catro mencións especiais do xurado: o CEIP Felipe de Castro (Maxia), o CEE Vilagarcía de Arousa (A vella Lulula), o CRA Ponte da Pedra de Carballo (Un can e un gato) e o CPI San Benito de Lérez (A máscara do león).
O acto de entrega tamén contou cunha ampla presenza de profesorado, pais e nais, do alumnado participante na elaboración das tres pezas galardoadas, así como das catro que recibiron unha mención especial pola súa calidade estética, lingüística e técnica.
Todos os traballos presentados a “Nós Tamén Creamos!” están accesibles na web da CRTVG e na Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Na foto superior, unha das curtas gañadoras, "A tartaruga que quería durmir".
