Os Bolechas estréanse na televisión dentro do programa “Xabarín Club”, da tvG2

20/02/2012 14:42
Os Bolechas estréanse na televisión dentro do programa “Xabarín Club”, da tvG2

Despois de 12 anos da súa creación, os irmáns Bolechas cobran vida na Televisión de Galicia ofrecendo uns especiais para vivir cos máis pequenos este Entroido

Santiago, 21.02.2012.- Os pequenos da casa poderán vivir este martes e mércores na tvG2, dentro do espazo matinal “Xabarín Club”, un Entroido moi especial con aventuras e moita diversión na compaña dos Bolechas. Doce anos despois da súa creación, esta familia peculiar cobra vida fóra do papel en forma de bonecos para gozar estas datas con todos os rapaces seguidores do programa infantil e xuvenil da televisión pública galega.

Nestes especiais os irmáns Bolechas e o seu cadelo, Chispa, estarán acompañados pola presentadora Sonia Méndez en diferentes seccións como un karaoke, un espazo para aprender cousas novas e mesmo os pequenos asistirán a unha clase de inglés.

As aventuras que vivirán Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia e Tatá serán “A pantasma” e “Os chourizos”, propias destas datas de Entroido. Os irmáns Bolechas buscarán disfraces para gozar como é debido destas festas e tratarán de atopar uns chourizos desaparecidos para completar o cocido de Entroido que están a preparar seus pais.

Galería de imaxes

Compartir en Facebook
Valoración