Orozco cre que Blanco reúne "condicións excepcionais" para ser candidato do PSdeG se decide optar ás primarias

11/07/2012 14:22
Orozco cre que Blanco reúne "condicións excepcionais" para ser candidato do PSdeG se decide optar ás primarias

Nunha entrevista realizada pola Radio Galega, confía na inocencia dos outros imputados na 'Operación Campión', tras o sobresemento da causa contra el

Santiago, 11.07.2012 (Europa Press).- O alcalde de Lugo e presidente do PSdeG, José Clemente López Orozco, subliñou que o ex ministro de Fomento José Blanco "reúne unhas condicións excepcionais" para ser candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta e desvelou que lle diría "adiante" se o político de Palas de Rei lle pide consello sobre a posibilidade de presentarse ás primarias do partido, previstas para setembro.

Nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press, Orozco sinalou que "dende logo" que José Blanco reúne condicións para ser o cartel electoral socialista nas próximas eleccións autonómicas pola "súa traxectoria como político, como ministro, como militante da agrupación de Lugo," aínda que matizou que aínda "ten que dar o paso" de decidir se pugna con Pachi Vázquez nas primarias.

En todo caso, López Orozco afirmou que se o ex ministro se quere presentar ás primarias para elixir ao candidato dos socialistas galegos á Presidencia da Xunta el mesmo lle diría "adiante". Previamente, e ao ser preguntado por se daría o seu respaldo a un candidato lucense para ser o cabeza de cartel, asegurou que o apoiaría "se reúne as condicións", que para el si ten quen ocupou a carteira de Fomento con José Luis Rodríguez Zapatero.

Orozco manifestou a súa querenza polo método de primarias para a elección de candidatos, e argumentou que el mesmo foi elixido por ese sistema en 1998. "As urnas son as que dan e quitan razóns, polo tanto, creo nelas", expresou o rexedor da cidade das Murallas.

Neste sentido, e tras recordar que o próximo 21 de xullo terá lugar a primeira reunión do Comité Nacional do PSdeG --tras o proceso de renovación interna que se iniciou en Sevilla coa elección de Alfredo Pérez Rubalcaba como líder federal--, Orozco apostou porque ese mesmo sábado, en que tamén se fará a proposta de calendario para a elección de primarias, sirva para que os militantes que teñen intención de competir por ser candidato á Xunta o dean a coñecer.

"A min gustaríame que dixese: 'compañeiros, eu voume presentar, quero que me apoiedes, que a sociedade galega, me apoie", sinalou López Orozco ao ser preguntado por se el avalaría un candidato da provincia de Lugo. A este respecto, afirmou que "soa moi ben" pensar en que se presente un candidato lucense e, neste sentido, se "reúne as condicións", vería lóxico o apoio da provincia se así o decide a militancia.

En todo caso, o alcalde de Lugo matizou que "de momento, hai un candidato", que é o actual secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, quen "dixo que se ía presentar". "Como presidente do partido, debo manter a máxima discreción, porque intento ser primus inter pares”, concluíu.

Outros apoios

En días pasados, o tamén ex ministro e secretario provincial do PSdeG na Coruña, Francisco Caamaño, afirmou que José Blanco sería "un bo candidato", se ben non se referiu a se contaría co seu respaldo no caso de que se presentase.

Quen si adiantou o seu apoio foi o secretario provincial do PSdeG en Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, ao asegurar que o ex ministro de Fomento constituiría un "magnífico candidato" á Xunta. Esta idea tamén foi trasladada polo número dous do presidente da Deputación lucense e secretario de Organización provincial, Juan Carlos González Santín, quen afirmou que Blanco sería "mellor presidente" galego que o actual, Alberto Núñez Feijóo.

O propio Blanco aínda non se pronunciou acerca de se pugnará con Pachi Vázquez pola candidatura á Presidencia da Xunta, se ben no ámbito do ex ministro recoñecen que hai sectores do partido que o animan a presentarse. Non obstante, o ex número dous do PSOE está á espera de como evoluciona a súa situación xudicial na Operación Campión e agarda a que o xuíz instrutor do Tribunal Supremo adopte unha resolución sobre el.

O avogado de José Blanco enviou un escrito ao maxistrado José Ramón Soriano, que instrúe a investigación aberta ao político socialista, no cal acusa a Jorge Dorribo de falsificar documentos para incriminar ao seu representado. Fiscalía respondeulle á defensa do ex ministro que avaliará "no momento procesual oportuno" se se solicita a imputación do empresario farmacéutico Jorge Dorribo por falsificar probas contra o político socialista.

Desexa a inocencia de todos

Por outro lado, e tras coñecerse o sobresemento da causa aberta polas acusacións do empresario lucense Jorge Dorribo, principal imputado pola 'Operación Campión', o rexedor de Lugo agradeceu o apoio recibido polos seus compañeiros e familia. "Foi un pesadelo que dende onte (este martes) forma parte da historia", dixo.

Orozco afirmou que recibiu numerosas mensaxes e chamadas de apoio, e asegurou que neste tempo ningún compañeiro desconfiou da súa inocencia, e asegurou que "nunca ninguén lle pediu que dimitise". "Con toda sinceridade, ninguén me defraudou", afirmou na entrevista, na que, en todo caso, se referiu á "actitude dalgún dirixente do PP".

Así as cousas, e en referencia ás imputacións que permanecen sobre José Blanco, o ex deputado do BNG Fernando Blanco e o ex parlamentario do PPdeG Pablo Cobián, José López Orozco mostrouse seguro de que serán "inocentes".

"Confío plenamente na súa inocencia (na de José Blanco)", sinalou e engadiu que espera que sexa así "para todos, salvo para quen estivo en tráfico de armas, mentiu, falsificou papeis para presentar subvencións no Igape". "Para ese, que caia toda a Xustiza", concluíu.

Compartir en Facebook
Valoración