O “ZigZag Diario” da tvG2 ofrece unha entrevista exclusiva co escritor uruguaio Eduardo Galeano

18/06/2012 00:01
O “ZigZag Diario” da tvG2 ofrece unha entrevista exclusiva co escritor uruguaio Eduardo Galeano

Santiago, 18.06.2012.- O programa “ZigZag Diario” (16.35h), que conduce María Solar, recibirá hoxe unha visita ilustre, a do escritor uruguaio Eduardo Galeano, considerado un dos autores máis destacados da literatura latinoamericana de todos os tempos. O escritor puxo fin en Santiago, onde conseguiu abarrotar a Cidade da Cultura, á xira de presentación en España da súa última obra, Los hijos de los días, un libro-almanaque que debulla diferentes acontecementos históricos de América e Europa e analízaos en clave satírica para poñer en evidencia as contradicións dos seres humanos, da sociedade e dos poderes establecidos.

Por outro lado, o espazo da tvG2 presentará a ópera prima de Manuel Iglesias Turnes, As rapazas de Xan, unha novela desenvolvida no ámbito rural que supón un documento histórico e etnográfico sobre a aldea galega de posguerra. Partindo da historia de Carmela, unha moza que ten a súa filla en soidade, o autor sobrevoa a comunidade do lugar, descubrindo as ilusións e as perdas, os amores e os desamores dun tempo tan gris coma opaco.

Entre as novidades editoriais máis destacadas, “ZigZag Diario” deterase tamén no sexto poemario do escritor e xornalista Daniel Salgado, que ofrece en Ruído de fondo un texto deliberadamente caótico e desordenado, co que se aproxima a un tempo salvaxe e ferido; e en Mi padre comía botones, un libro autoeditado dun escritor singular que utiliza o pseudónimo de Juan Sacha Full.

Compartir en Facebook
Valoración