O xurado do "VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico" selecciona catro obras finalistas
Poema sinestésico para tres voces e un can, Ironías, Quendas e Intercom-baby, serán agora dramatizadas por un equipo de actores.
Evaristo Calvo dirixirá a súa adaptación radiofónica.
Santiago, 21.02.2012.- As obras presentadas baixo os lemas “Poema sinestésico para tres voces e un can”, “Ironías”, “Quendas” e “Intercom-baby” serán agora dramatizadas por un equipo de actores e actrices coordinado polo Centro Dramático Galego -CDG- e emitiranse ao longo do mes de marzo na Radio Galega. Tras a súa emisión daranse a coñecer o Premio do Xurado dotado con 3.000 euros e o Premio da Audiencia dotado con 3.000 euros.
O xurado do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico está formado por Xosé Manuel Pacho Blanco, gañador dos Premio do Xurado e da Audiencia da V edición pola obra Paraísos; o director de teatro e actor, Evaristo Calvo; Camilo Franco, crítico de teatro; Roberto Taboada, coordinador de actividades do Festival alternativo de teatro e danza de Vigo; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega, e Ana Romaní, directora do Diario Cultural.
Nesta sexta edición do Premio de Teatro Radiofónico, que organiza a Radio Galega, a través do programa “Diario Cultural”, e o Centro Dramático Galego, co patrocinio da AGADIC -Axencia Galega das Industrias Culturais-, presentáronse un total de 52 obras. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico. Evaristo Calvo dirixirá a adaptación radiofónica das obras finalistas.
