O tempo para a boa música e o humor continúa na Televisión de Galicia. Esta noite regresa “Heicho cantar, queridiña”

03/08/2012 09:44
O tempo para a boa música e o humor continúa na Televisión de Galicia. Esta noite regresa “Heicho cantar, queridiña”

 

Lucía Pérez e Sergio Zearreta presentan este programa onde a chispa e a salsa a porán os artistas convidados e ata os presentadores

 

Peret, María do Ceo, Treixadura, Isi e Felicia, serán algúns dos convidados de hoxe

 

Santiago, 03.08.2012.- As noites dos venres a Televisión de Galicia resérvaas para ofrecerlles aos espectadores galegos a mellor música tanto do panorama nacional como galego. En substitución de “Luar” regresa hoxe á grella da canle autonómica o programa “Heicho cantar, queridiña” (22.10 h), presentado pola cantante Lucía Pérez e o actor e cantante Sergio Zearreta

O programa desta noite falará, con moito humor e chispa, sobre que cousas lles gustan aos galegos e sobre a nosa maneira de ser. Os artistas convidados no estudio de “Heicho cantar, queridiña” serán Peret, María do Ceo, Treixadura e a orquestra Variedades, que despois de catro anos desde a súa última actuación se volveron xuntar para lembrar os tempos das antigas orquestras con Sito Sedes.

Ademais, haberá un recordo para outros grandes artistas como Celia Cruz, Andrés Dobarro e Lola Flores. Os presentadores, Lucía Pérez e Sergio Zearreta tamén cantarán e o estudio recibirá a visita de Isi, Felicia e o seu estilista John Gueiras e Pinto e Suso na taberna.

Doutro lado, o humorista Carlos Jiménez seguirá buscando por todos os recunchos de Galicia o artista máis querido polos galegos, esta semana probará sorte con Isabel Pantoja.

Diversión, humor e os artistas máis coñecidos serán os ingredientes, cada semana, de “Heicho cantar, queridiña”. 

 

Compartir en Facebook
Valoración