"Telexornal Mediodía" acada a súa audiencia máis alta con respecto a hai un ano
O espazo informativo central da Galega rexistrou onte un seguimento medio de 272.000 espectadores.
A ficción de “Padre Casares” foi a segunda proposta da TVG tamén máis vista en Galicia.
Santiago, 07.02.2012.- Os espectadores galegos seguen a amosar a súa preferencia inequívoca polos informativos da Televisión de Galicia, tal e como reflicten os informes de audiencia diarios que elabora a empresa de audimetría Kantar Media. Así, este luns o “Telexornal Mediodía” acadou unha audiencia media de 272.000 espectadores, o rexistro máis alto desde o mes de febreiro do ano pasado.
Onte o espazo informativo central da TVG, “Telexornal Mediodía”, liderou, como de costume, as audiencias da canle pública galega ao lograr unha cota de pantalla de 34,5%, acadando picos superiores ao 42% ao longo da súa emisión. O minuto de ouro produciuse ás 14.55 h e foi seguido por 325.000 galegos.
A serie de ficción “Padre Casares” foi ademais o segundo programa con maior audiencia de Galicia ao obter unha audiencia media de 225.000 espectadores e unha cota de pantalla de 20,6%.
Pola súa parte, os espazos informativos: “Galicia Noticias” (30,7%), “Telexornal Serán” (16%) e “Galicia Noticias Serán” (16,9%), situáronse tamén entre o ranking dos 10 programas máis vistos do día en Galicia.
