O Olympique Marsella-Inter de Milán, novo asalto da Champions League, na TVG, en directo e exclusiva
Santiago, 22.02.2012.- Con distintas traxectorias pero cunha mesma ambición, o Olympique de Marsella e o Inter de Milán miden as súas forzas nunha nova cita en Europa, no partido da Champions League que ofrece hoxe a TVG, en exclusiva e directo (20.40h), correspondente á ida dos oitavos de final.
A “Zona Champions” da TVG abrirase ás 20.30 horas para ofrecer desde o estadio Velódromo de Marsella, coa narración de Gustavo Varela, un choque en que o equipo marsellés, da man de Deschamps, sae dunha boa serie de vitorias na liga para enfrontarse ao Inter de Milán de Ranieri, que entrou nunha crise de xogo e resultados pero que non perde a ambición de pasar a cuartos de final da Champions. O Olympique quedou segundo no grupo F, detrás do Arsenal, namentres que o Inter foi primeiro do grupo B, por diante do CSKA Moscova.
Ao final do partido, que estará comentado amais por Luís Timiraos e polo técnico Fernando Vázquez, a TVG ofrecerá un amplo resumo do outro encontro da xornada, o Basilea– Bayern de Múnic. Xa na tvG2, ás 23.15 horas, poderase ver o resumo de toda a xornada.
