O Festival de Cine de Douarnenez exhibe cinco películas participadas pola TVG
O certame máis antigo de Francia presta este ano unha atención especial ás culturas históricas de España: Galicia, Cataluña e o País Vasco
Ademais de proxectar oito documentais galegos, poderanse ver na Bretaña: "Engurras", "Os luns ao sol", "Mar adentro", "Crebinsky" e "18 Comidas"
Santiago, 19.08.2012.- O festival cinematográfico máis antigo de Francia, o de Douarnenez, tamén coñecido como o certame de cine das Minorías, dedica este ano as súas seccións oficiais ás comunidades históricas de España: Galicia, Cataluña e o País Vasco. Nesta trixésimo quinta edición, Galicia é unha das protagonistas grazas á proxección de oito documentais e cinco longametraxes con selo galego e participación da Televisión de Galicia.
O Festival de Douarnenez, que arrincou este venres e que se estende ata o sábado día 25, presta unha atención especial desde os seus inicios, en 1978, aos distintos pobos e culturas do mundo a través da súa filmografía.
Entre o total de 65 películas, documentais, curtametraxes e filmes experimentais que inclúe o programa, Galicia está representada coa proxección de oito documentais galegos e cinco longametraxes, todas elas participadas pola TVG. Neste senso, os asistentes ao certame poden ver a longametraxe de animación "Engurras", de Ignacio Ferreras; "Os luns ao sol", de Fernando Léon de Aranoa; "Mar adentro", de Amenábar; "Crebinsky", de Enrique Otero, e "18 Comidas", de Jorge Coira.
Simultaneamente, en Douarnenez tamén se desenvolven conferencias e debates, que contarán entre outros coa participación de galegos como Manuel Rivas, Xosé Manuel Beiras, Margarita Ledo, María Lopo e José Caruncho.
