A II edición do concurso “Novo Son” da Radio Galega xa ten gañadores

06/06/2012 20:07
A II edición do concurso “Novo Son” da Radio Galega xa ten gañadores

K-Raxe e Samu Acaracán, os galardoados polo xurado participarán no festival Derrame Rock, que se celebrará en Ourense a finais de xuño

Tu Mujer Nos Engaña e Liviao de Marrao levaron o Premio do teléfono, e ITH e Livia de Marrao, o dos internautas

Santiago, 06.06.2012.-    O concurso “Novo Son”, posto en marcha pola Radio Galega para descubrir novos talentos da música do país e promover a creatividade musical, xa ten, desde esta mesma tarde, gañadores. Os participantes achegados a este II Certame de Músicas Emerxentes puideron concursar en dúas categorías: Pop-rock e músicas Urbanas do Mundo; en cada delas, outorgáronse 3 premios (Xurado, Teléfono e Internet).

O Premio do xurado foi para K-Raxe co tema "Novos Tempos" na categoría Pop-rock e para Samu Acaracán, que presentou o tema "Manuel" na categoría Músicas urbanas e do mundo. O xurado estivo composto por Enrique Granda, director do festival Derrame Rock; Ricardo Alonso, director do programa Estudio 3 de Radio Galega Música e Moncho Lemos, director do programa Fondos Reservados de Radio Galega. Estes dous grupos actuarán no festival Derrame Rock que se celebra en Ourense entre o 28 e o 30 de xuño de 2012.

O Premio do teléfono, outorgado pola audiencia mediante chamadas telefónicas e votos a través de mensaxes sms, recaeu en Tu mujer Nos Engaña, que interveu coa canción "A nosa terra", na categoría Pop-rock. Na categoría músicas urbanas e do mundo o gañador é Liviao de Marrao coa súa proposta "Rock liviao". Os galardoados gravarán unha maqueta nos estudos da Radio Galega e actuarán nun programa da Televisión de Galicia.

Por último, os gañadores do Premio da Internet son o grupo ITH, co tema "Xoguei contigo" na categoría Pop-rock, e Liviao de Marrao, co tema "Rock Liviao", na categoría músicas urbanas e do mundo. Como premio gravarán unha maqueta na emisora e participarán nun programa da Televisión de Galicia. Este galardón concedeuno o público cos seus votos na páxina web do concurso www.radiogalega.es/novoson.

Nesta mesma páxina web están dispoñibles os 35 temas musicais que competiron na segunda edición deste certame.

Na foto superior, un dos escenarios do Derrame Rock de 2011.

Galería de imaxes

Compartir en Facebook
Valoración