Mauro Varela destaca na Radio Galega que Novacaixagalicia sería a fundación máis importante que hai na Comunidade Autónoma
Nunha entrevista no programa "Galicia por Diante", o copresidente da institución admite que exerce a súa función nunha situación "incómoda" que "vai no soldo que non temos"
Defende amais que as preferentes se compraron a sabendas
Santiago, 21.06.2012.- O copresidente de Novacaixagalicia, Mauro Varela, manifestou na Radio Galega que esta entidade sería a fundación a máis importante de Galicia, con gran diferenza sobre outras, xa que ten un orzamento de 40 millóns de euros. Estes fondos vanse dedicar fundamentalmente ao fomento de emprego e da obra social, engadiu.
Nunha entrevista realizada por Kiko Novoa no programa "Galicia por Diante", Varela recoñeceu que hoxe existe unha "tensión grande", que é habitual que se manifeste nas asembleas da institución, e negou que na asemblea deste mércores houbese berros de dimisión. O copresidente do organismo lembrou que el tiña que ter marchado da fundación hai dous anos pero "tocoume estar aí" para intentar levar adiante o proxecto. Admite que é unha situación "incómoda" pero que "vai no soldo que non temos".
En canto ao banco, Mauro Varela manifestou que Novagalicia Banco é un proxecto fundamental para Galicia e que o "non pode estar mellor xestionado", xa que o consello de administración é "profesional, magnífico, mellor dos que hai en calquera entidade en España", e que a situación actual é consecuencia "dos decretos que crearon problemas para poder recapitalizar".
Canto ás participacións preferentes, o copresidente -con funcións de presidente de Novacaixagalicia- afirmou que o banco "está a facer todo o que pode para dar unha solución aceptable". En calquera caso, destacou que "non foron un problema só de Galicia, senón que foron un problema en todos os bancos". "As preferentes eran un produto perfectamente válido", defendeu.
