Nova cita co “Bum, Bum, Búmerang” da TVG para seguir de preto o verán en Galicia
As praias de Marín, a marcha de Boiro e a feira de Cangas, son algunhas propostas do programa de hoxe
Santiago, 12.09.2012.- Os espectadores da TVG terán esta noite unha nova oportunidade de seguir as pegadas que o programa “Bum, Bum, Búmerang” propón cada mércores á noite para non perder nada do que pasa en Galicia no verán e para coñecer os múltiples e variados xeitos de pasalo ben durante o estío galego.
Como é habitual, os reporteiros e reporteiras do programa sairán ás rúas para tentear a vida dos galegos durante o tempo de vacacións. O “vixilante da praia” estenderá hoxe a súa toalla no areal de Marín e o programa visitará tamén a praia dos Frades, ao pé do Parador Nacional de Baiona. Pola súa parte, Olalla Rivas, a reporteira noctámbula que cada semana visita unha localidade típica da movida galega, irá esta noite de copas a Boiro, un dos centros neurálxicos da marcha na Barbanza.
Ademais, Ricardo Pardo dará unha volta pola feira de Cangas; Isabel Risco irá en busca de turistas á romaría viquinga de Catoira; Carmiña Blanco tomará unha cervexa co actor Luís Iglesia, a quen someterá a un rápido e incómodo test, e Sabela porá a proba a súa capacidade de sedución nun parque, escenario de moitas actividades ao aire libre durante o verán.
Por outro lado, “Bum, Bum, Búmerang” visitará os campamentos do centro El Kiriko, en Fornelos de Montes (Pontevedra), que se dedica a fomentar o contacto coa naureza, a convivencia e o respecto aos animais.
Ademais, os membros da charanga Vaite Xa falarán da que é para eles a canción do verán; Trillo e Anastasia ofrecerán as súas clases de baile en Santiago de Compostela; os habitantes da localidade ourensá da Mezquita demostrarán como se sobrevive ao verán sen praia, e as enquisas a pé de rúa amosarannos cal é a peza de roupa favorita dos galegos para bañarse.
